Campaña de plantación de árbores de nadal

80

O Concello de Pontevedra, a través da Concellaría de Monte Vivo presentou esta mañá a campaña “Arborízate” de recollida de árbores de nadal que se celebrará logo do día de Reis. O obxectivo é fomentar a compra de árbores naturais como producto máis sostible que as árbores artificiais, e que permite a dinamización do sector.

A campaña desenvolverase os días 12 e 13 de xaneiro, sábado (mañá e tarde) e domingo (pola mañá), cunha plantación en dúas parcelas de monte veciñal: unha na parroquia de Santa María de Xeve, e outra en Salcedo, en colaboración coa Mancomunidade de montes de Pontevedra.

Monitores axudarán as persoas que participen nestas plantacións e tamén se lles entregará unha foto coa súa árbores, un localizador para que poidan seguir o seu crecemento; e poranlle o nome que consideren.

Para conseguir que as plantas sexan transplantadas con éxito será preciso darlles uns coidados durante o nadal como a situación nun espazo alonxado de fontes de calor; rego cada dous ou catro días, en función do calor da estancia no que estea; e a ser posible, colocala durante uns días nos espazos máis fríos da casa.

As persoas que estean interesadas en participar nesta campaña poderán porse en contacto co número de teléfono 986 85 14 24 ou no correo montespontevedra@mundo-r.com