Xuventude celebra esta tarde a primeira reunión para as Noites Abertas 2014

954

A Concellaría de Xuventude arranca hoxe o proceso de programación das actividades de Noites Abertas 2014 cunha reunión que se celebrará esta tarde, a partir das 20.00 horas, no salón de actos do Pazo da Cultura. A Concellaría, que xestiona Demetrio Gómez convoca a esta reunión a todas as entidades, asociacións, colectivos e grupos xuvenís interesadas en participar na elaboración de proxectos e propostas de actividades.
Con esta metodoloxía de traballo o que se pretende é que os propios mozos e mozas sexan os protagonistas do seu ocio, dándolles a posibilidade de participar activamente no deseño de actividades e así poder compartir con xente da súa idade, intereses e afeccións diversas, tan diversas como é a xuventude.
Para o deseño de propostas, a coordinación do programa Noites Abertas preparou un modelo de formularios explicativos que pretenden facilitar o mecanismo para deseñar un proxecto, á vez que establecen a filosofía e os obxectivos do programa, os criterios de selección de propostas e o calendario que vai ter esta XV edición do programa.
As propostas deseñadas poden ser de actividades deportivas, culturais, obradoiros de diverso tipo, rutas, xogos… sempre respondendo aos fins de Noites Abertas. O ano pasado recibíronse 182 propostas (72 máis ca no anterior) das cales saíron 89 actividades distintas. Este ano prevese un novo incremento dos proxectos recibidos.
O prazo para a presentación de propostas abrirase do 10 ao 31 de outubro. No mes de novembro a coordinación do programa fará a selección das propostas definitivas, para pasar a unha nova fase de programación concreta das actividades seleccionadas, e configurar así o calendario definitivo.
O modelo de formularios para deseñar propostas poderá descargarse da web da Concellaría de Xuventude https://xuventude.pontevedra.eu ou ben solicitalo na Oficina de Xuventude na Casa Azul, rúa Sor Lucía 2, 3º , 986 100 185 ext. 7491 xuventude@pontevedra.eu . A atención telefónica será só en horario de mañá, mais poderá concertarse entrevista noutros horarios para axuda e asesoramento no deseño das propostas.