Suspendida a homenaxe aos fusilados o 12 de novembro polas obras da rúa José Adrio

43

A Concellaría de Cultura vese na obriga de suspender ata próximas datas a xa tradicional ofrenda e homenaxe que o Concello de Pontevedra fai cada ano aos dez homes fusilados o 12 de novembro de 1936, na rúa que hoxe leva este nome. As obras da rúa José Adrio Barreiro, que se están a executar e que rematarán a mediados de decembro, obrigan a suspender este acto, aínda que se retomará no tempo, unha vez que acaben estes traballos.
Cabe lembrar que os traballos que se executan nesta zona están pensadas, tamén, para remarcar a memoria dos dez fusilados con dez árbores que se plantarán entre a rúa e pasarela, ademais da instalación dun elemento arquitectónico funerario cos nomes dos dez falecidos que dignificará máis o espazo e a súa memoria.
A pesar de que se traslade a efemérides a outra data, a Concellaría de Cultura quere lembrar aquel 12 de novembro no que o fusilamento destes dez homes bos e xenerosos traduciuse na perda de moitos soños de prosperidade e liberdade, e deixou unha profunda sombra durante máis de 40 anos ao longo da vida política e social do noso país.

A concelleira de Cultura, Anxos Riveiro quere lembrar que “eles son un anaco dos centos de homes e mulleres que deixaron a vida na nosa cidade por defender a orde constitucional da República, e as aspiracións de autogoberno que asomaban nas mentes máis preclaras do país”.

Amancio Caamaño, Telmo Bernárdez, Luís Poza, Paulo Novás, Germán Adrio, Benigno Rey, José Adrio, Víctor Casas, Juan Rico e Ramiro Paz deixaron atrás familires, viúvas, fillos, amigos… sinalados socialmente durante anos polo seu vencello cos proscritos, que paradoxalmente, hoxe son sinónimo de liberdade, aloumiño da memoria e testemuñas da dignidade.

O Concello de Pontevedra quere reafirmar nesta data a esperanza de que episodios coma este non se volvan repetir entre irmáns, pais, fillos. É mostra do triunfo da razón e da liberdade na que poden e deben vivir os pobos.
 

COMPARTIR