“Nin Fraga se atreveu a tanto” na defensa de Ence-Elnosa

165

A sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG), notificada ao Concello de Pontevedra en febreiro de 2015, anula “por ser contraria a dereito” a renovación da autorización ambiental integrada (AAI) de Elnosa concedida o 23 de decembro de 2011 pola Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galiza. Con esta realidade por diante a concelleira de Urbanismo, Carme da Silva, cualifica de “sorprendentes” as declaracións do conselleiro de Industria, Francisco Conde, abrindo a porta a permanencia da clorera na súa localización actual ó sinalar que está nunha situación “moi parecida” á que se atopa Ence.

O TSXG anula a renovación da AAI – a sentenza está recorrida pola empresa- ó constatar que fíxose sen contar có “preceptivo e vinculante” informe urbanístico municipal esixido pola Lei 16/2002 de control  e prevención integrados da contaminación. A planta de cloro de Lourizán é “contraria as Directrices de Ordenación do Territorio e do POL”.

“Sorprende o empeño que hai no goberno da Xunta de Galiza para manter a Ence-Elnosa na situación actual” subliña a concelleira Carme da Silva pois a continuidade do complexo industrial na ria e “insostible” urbanísticamente e un risco para os veciños. Lembra que se situaron en Lourizán “contra a poboación” e seguen en Lourizán “contra a poboación”. “Nin Fraga se atreveu a tanto”, engade

A disposición da Xunta de Galiza a valorar a posíbel continuidade de Elnosa en Lourizán supón un xiro respecto ao que viña sendo a postura autonómica dos últimos anos de procurar unha “saída pactada” da clorera da ría. A Consellería de Medio Ambiente, con Agustin Hernández o fronte, firmou un convenio coa multinacional CUF, propietaria da planta Electroquimica do Noroeste, polo que a empresa comprometeuse a deixar a produción no ano 2016 e a mudarse a outro punto da provincia ou de Galiza.