Fomento reserva 5 millóns para a reforma do nó de bombeiros que se executará en 2016

137

O alcalde de Pontevedra e a ministra de Fomento, Ana Pastor mantiveron esta mañá unha reunión para facer repaso dos proxectos que o Ministerio está realizando ou ten previsto executar proximamente no concello de Pontevedra: a reurbanización da N-541, a reforma do nó de bombeiros, as vías verdes, a mellora da seguranza ciclista e peonil na avenida de Marín, a A-57, entre outros. A continuación dirixíronse á nova avenida Josefina Arruti, para a súa inauguración, xa que este proxecto estaba incluído dentro do convenio asinado co Concello de Pontevedra.

O alcalde quixo agradecer publicamente “a colaboración da ministra” en todos estes proxectos que se atopan na seguinte situación:

  • Mellora da seguranza viaria na N-541: xa foi exposto o informe de avaliación ambiental e dende o Ministerio se confía en que se poida licitar a final de ano. Concello e Ministerio acordaron que a administración municipal realice previamente os traballos de abastecemento e saneamento ao longo dun quilómetro desta vía, e logo o Ministerio realice os labores de seguranza viaria e reurbanización en distintos tramos.
  • Nó de bombeiros: está en proceso de avaliación ambiental, e dende o Ministerio se confía en que poida executarse no ano 2016 en colaboración coa empresa concesionaria da autoestrada AP-9, Audasa. O orzamento roldará os 5 millóns de euros.
  • Paseo peonil e ciclista a Marín: o proxecto atópase a estudo no Ministerio de Medio Ambiente e confíase que estea listo no ano 2016. Na primeira quincena de outubro haberá unha reunión entre os técnicos do ministerio e os do Concello para coordinar os traballos e facilitar que o proxecto se execute canto antes.
  • Circunvalación de Pontevedra ou A-57: a ministra Ana Pastor confirmou que os primeiros traballos comezarán na primeira quincena de outubro. O alcalde pediu que esta circunvalación teña continuidade até Pilarteiros para darlle conexión con todos os polígonos industriais e tamén co porto de Vilagarcía. O alcalde pediulle ao Ministerio que teñan en conta todas as demandas veciñais de reposición de todos os servizos e vías ao seu paso polo municipio, de feito a ministra manifestou que “que saiban os veciños que teñen a porta aberta”.
  • Sobre a creación das sendas verdes e o aproveitamento das pontes do tren, acordouse que o Concello recibirá a do Lérez e a do río Verduxo. De feito, xa dispón dos protocolos de cesión de uso desas pontes.