O anuncio de temporal apraza o desfile de Entroido até o sábado 13 de febreiro

93

O desfile do Entroido de mañá aprázase até o seguinte sábado, 13 de febreiro. Decidiuse conxuntamente entre a Concellería de Festas e os grupos e comparsas habituais ante ás previsión do tempo de MeteoGalicia que ten declarada para mañá alerta laranxa no mar por temporal e amarela por choiva e vento.

“O Entroido pontevedrés é un entroido de rúa e para mañá se espera o peor dia” explicou a concelleira de Festas, Carme da Silva.

O aprazamento do desfile obriga a desprazar o velorio e enterro do Loro Ravachol, sinalado para o sábado até o domingo, 14 de febreiro, adiantándose unha hora os actos fúnebres de tal xeito que a incineración do símbolo do Entroido pontevedrés comezará as 20.00 horas.

O aprazamento do desfile é o único cambio da xornada de mañá, na que si manterase o pasarrúas polo centro histórico da comparsa Os Canecos.

En principio tamén manterase o resto da programación pois o mal tempo levantará co comezo da semana e aínda que para o próximo venres as primeiras previsións falan de posíbeis choivas intensas, os participantes na Mostra da Parodia expresaron a súa decisión de concursar en calquera caso.

Non será até o próximo luns cando regrese o Entroido ás rúas da cidade e será con tres grandes citas: o Entroido infantil, a presentación do Loro Ravachol e a celebración da primeira eliminatoria do Concurso de Murgas.

Máis información:  https://www.pontevedra.gal/publicacions/ Entroido-2016/