Pontevedra activa un novidoso e participado proxecto de recollida e tratamento dos residuos

112

No prazo dun ano, o Concello de Pontevedra implantará en todo o municipio o novo sistema de recollida e tratamento de residuos. Será un sistema novidoso, accesíbel, integrador e que terá como principal socio colaborador: os veciños de Pontevedra.

A concelleira de Servizos, responsábel do sistema de recollida e tratamento do lixo, Carme da Silva e o concelleiro de Infraestruturas e vicepresidente da Deputación, César Mosquera explicaron esta mañá que co traballo de recollida de información que leva facendo a Deputación provincial durante estes últimos meses, “dende o Goberno local de Pontevedra estamos en condicións de tomar unha decisión sobre o sistema de tratamento e recollida de residuos que se adoptará no Concello de Pontevedra”.

Tendo como obxectivo o tratamento da materia orgánica -os restos de comida-, tomouse o acordo de crear un sistema de recollida e tratamento dos residuos dividindo o concello en tres ámbitos:

Rural (ámbito de vivendas unifamiliares): óptase pola compostaxe individual. Non haberá unha recollida específica do colector verde, si dos específicos -cartón, vidro, fracción seca-. Contarán co asesoramento e seguimento do Concello.
Barrios. Ámbitos da cidade ou próximos con densidade de poboación media como A Parda, Salgueiriños, Monte Porreiro, Gorgullón… onde se opta pola compostaxe colectiva.
Centro e centro histórico: recollida da fracción orgánica, probablemente con colectores particulares e recollida porta a porta.
Ademais, tamén se contempla manter a recollida dos grandes produtores (supermercados, almacéns…) e dos produtores singulares.
Neste momento, o Concello xa puxo toda a maquinaria administrativa ao servizo deste proxecto polo que xa traballa na sectorización do concello en distintas zonas, na elaboración do censo de grandes produtores, na modificación do regulamento do servizo…

Tanto a concelleira de Servizos como o concelleiro de Infraestruturas e vicepresidente da Deputación, César Mosquera destacaron o novidoso do sistema e o elevado nivel de implicación da sociedade nel. De feito aseguraron que “a sociedade pontevedresa é madura, responsábel e altamente participativa”. Para iso, o Concello trasladará o proxecto a todos os sectores e ámbitos: Consellos parroquiais, Universidade, Anpas, hostalería, asociacións de veciños… “o que suporá facer un intenso traballo porta a porta”.

Con este proxecto poranse sobre a mesa un grande número de elementos a resolver durante o vindeiro ano: o contrato de lixo que vende en xuño de 2017, a reformulación das taxas do lixo en función dos ámbitos nos que se atopen as vivendas, a construción da planta de compostaxe que se reformulará para unha capacidade dunas 10.000 toneladas e cun destino exclusivo para a capital da provincia, o reparto de milleiros de composteiros no rural e a reformulación dos colectores en todo o municipio…

O obxectivo: acadar a reciclaxe do 70% da produción de residuos do Concello, polo que o só se enviaría a Sogama arredor do 30% dos residuos.

O Concello de Pontevedra leva traballando en cambiar os sistemas de recollida e tratamento de residuos do concello durante moito tempo. Até o de agora os esforzos centráronse no proceso de construción da planta de composta da Canicouva, pero existen elementos máis ou tan importantes como a planta. O concelleiro de Infraestruturas e vicepresidente da Deputación, César Mosquera explicaba esta mañá que “se trata dun proxecto moi novidoso por dúas premisas: por ser integrador, por abordar todo o proceso englobado e á vez; e pola rapidez coa que se está a executar, dado que os prazos máis optimistas podían falar de seis anos, pero a intención do Goberno Local é poñelo en marcha en pouco máis dun ano”.

Solucións sinxelas, reducir o gasto enerxético e buscar beneficios para o medio como a redución CO2, son os obxectivos finais deste macroproxecto que ten na súa esencia o modelo de cidade: mellorar a calidade de vida dos pontevedreses.