A Praza do Hospital inaugúrase a final de mes, e será ampliada até Antón Fraguas

63

A praza do Hospital poderase inaugurar a finais de mes ou a primeiros de abril, segundo anunciou esta mañá o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores, logo de comprobar o avanzado estado de execución da obra que nestes momentos está a mellorar a entrada de Urxencias do Hospital. O alcalde estivo acompañado polos concelleiros Luís Bará e Alberto Oubiña, así como dos técnicos municipais e da empresa que está a executar a reforma.

O alcalde destacou que con esta intervención, que ten un custe duns 330.000 euros, créase unha praza de 1.200 metros cadrados, de alta calidade urbana, seguindo os parámetros da reforma urbana de Pontevedra: accesibilidade, mobilidade peonil, mobiliario urbano de calidade, árbores, boa iluminación… E terá continuidade nun futuro próximo até a rúa Antón Fraguas, para ampliar e mellorar o espazo na que será futura Praza do Hospital, ademais de mellorar o acceso ás Urxencias do Hospital.

O alcalde tamén se comprometeu a chamar mañá ao xerente do Sergas en Pontevedra para proporlle a posibilidade de asinar un convenio que permita mellorar a imaxe da entrada do Hospital, poñendo en valor a escultura de Asorei, mellorando o axardinamento, os accesos e retirando elementos que non teñen moito sentido na actualidade (muros ou a caixa do centro de transfusión).

“Trátase de colaborar, non de meternos en cuestións sanitarias. Xa que facemos un esforzo de inversión desta magnitude, gustaríanos que a praza teña coherencia coa entrada do Hospital, que precisa dunha actuación pequena de axardinamento e de mellora dos pavimentos”, concluíu.