Ninguén fóra: Ludoverán aumenta até 1.600 a oferta de prazas

85

O éxito e crecente participación de nenos e nenas en Ludoverán 2016 -o programa de ludotecas de verán que organiza FANPA-Pontevedra en colaboración coa Concellería de Educación- amosa o ben facer dos organizadores mais tamén que a conciliación familiar é unha materia pendente.

“Existe unha evidente disfunción entre o horario escolar e e a política de conciliación” subliñou a concelleira de Educación, Carmen Fouces que tamén destacou a “alta calidade” da oferta de lecer e da atención que se lles presta aos menores destas ludotecas infantís.

Tamén o presidente da FANPA-Pontevedra, Roxelio Carballo, fixo énfase no seu compromiso coa conciliación o que explica que cada ano teñan que aumentar a oferta e incrementar os recursos adicados a pór en marcha o programa de lecer infantil, que cofinancia o Concello. “Non se deixa ninguén fóra” engade Roxelio Carballo, quen apunta que este verán suman 90 nenos e nenas máis que o pasado.

Doce ludotecas (cinco urbanas, cinco rurais, unha de medio ambiente e unha de inglés), ao redor de 1.600 prazas, 82 monitores -10 deles para atender a nenos e nenas con necesidades especiais- son cifras que falan da amplitude do Ludoverán que este ano incorporou como novidade a realización dunha ludoteca ao aire libre, que tivo como base o CEIP A Xunqueira 1 e que se desenvolveu pola Illa do Covo e contorna do Lérez.

“Este é o futuro das ludotecas, o camiño a seguir” mantén a concelleira Carmen Fouces quen aposta por aproveitarnos dos espazos naturais que temos a tiro de pedra para desenvolver actividades lúdicas e de coñecemento da natureza cos máis pequenos. Unha aposta que comparten na FANPA, que como cada ano avaliará o ludoverán co fin de coñecer o nivel de satisfacción e corrixir posíbeis erros.