Homenaxe do Doce de novembro

13

Queridos familiares e amigos dos dez fusilados do 12 de Novembro,
Concelleiros e concelleiras, veciñas, veciños,
Queridas amigas e amigos,

Como cada ano lembramos, o día 12 de novembro de 1936 foi unha data funesta na historia da nosa querida cidade.
E aínda sobrepoñéndonos á dor natural en lembranzas deste tipo, debemos exercer a memoria
Temos ese deber ético e político, e ademáis esquecer é a derrota definitiva, a morte última. Por iso nunca esqueceremos.
Ademáis, debémosllo ás súas familias, que tiveron que sofrer unha dor que durou décadas, xa que nen lles diron o dereito a chorar aos seus, a celebrar un funeral, a poñerlle flores na tumba no tempo das prohibicións, do silencio e do ódio.
Hoxe, o 12 de novembro é un día de lembranza, de memoria e de honra. Un día de xustiza. Unha data para celebrar as vidas honestas e xenerosas, os ideais limpos e solidarios, a entrega e a xenerosidade de persoas de ben. Para celebrar vidas que forman parte da historia, da mellor historia de Pontevedra.
Para pronunciar con emoción e orgullo os seus nomes cheos de luz, de exemplo e de dignidade
Os médicos AMANCIO CAAMAÑO CIMADEVILA, TELMO BERNÁRDEZ SANTOMÉ e LUIS POZA PASTRANA
Os mestres PAULO NOVÁS SOUTO, GERMÁN ADRIO MAÑÁ e BENIGNO REY PAVÓN
O editor RAMIRO PAZ CARVAJAL
O avogado JOSÉ ADRIO BARREIRO
O xornalista VICTOR CASAS REY
E o capitán JUAN RICO GONZÁLEZ
Coas súas vidas segadas pola barbarie fascista o 12 de novembro de 1936, tamén queremos lembrar a todas as mulleres e homes asasinados por defenderen a República, a democracia, a liberdade e os dereitos de Galiza.
Xentes humildes, traballadoras e traballadores, líderes agrarios, sindicalistas, obreiros que morreron impunemente nos cemiterios, nas cunetas e nas rías de Galiza.
E queremos tamén facer memoria das vítimas de todas as formas de represión: as persoas encarceradas, aldraxadas, rapadas, sometidas a vexacións e castigos, depuradas, e que foron obxecto de sancións económicas, e de persecución social, ideolóxica e psicolóxica. A familias enteiras que padeceron durante décadas a dor, o silencio e o esquecemento.
Proclamamos solemnemente unha vez máis que lles quitaron a vida con aleivosía, mais tamén confirmamos que nunca poderán acabar coa súa obra: o compromiso cos demais, a xenerosidade, as arelas de liberdade e de progreso, a paixón da liberdade, a defensa dunha Galiza próspera e dona dos seus destinos.
Hoxe deixamos testemuño da inmensa gratitude que sentimos cara a eles, os homes e mulleres que soñaron, que loitaron e que deron a vida por unha sociedade máis igualitaria, libre e democrática.
Para que a luz da súa memoria permaneza para sempre, para que a intolerancia e a barbarie fiquen para sempre atrás, e para que o seu exemplo nos axude a construír un futuro de xustiza e dignidade colectiva.