A peonalización de Ferrol Vello trae a Pontevedra a trinta portavoces veciñais

55

O debate aberto en Ferrol sobre a peonalización do barrio da Magdalena, de Ferrol Vello e arredores trouxo á cidade unha trintena de representantes veciñais ferrolás para coñecer a experiencia de Pontevedra. Ao fronte da delegación estaba a directiva da Federación veciñal Roi Xordo de cidade departamental, quen contactara co movemento veciñal local co fin de organizar a visita e avaliar con eles o modelo pontevedrés e o seu proceso de implantación.

César Mosquera, recibiunos na Casa da Luz onde mantiveron unha xuntanza na que o concelleiro de Infraestruturas expuxo as liñas xerais do proceso de transformación urbana vivido na capital do Lérez e deu resposta ás dúbidas e temores formulados fronte ao reto que teñen por diante na súa cidade.

Cuestións como a retirada dos coches dos espazo urbano, a supresión de aparcadoiros en superficie, a resolución do tráfico de servizos… foron postas sobre a mesa. Tamén amosaron o seu interese en coñecer a resposta dada polos comerciantes, os hostaleiros e veciñanza en xeral ao proceso de transformación.

César Mosquera comentou polo miúdo todas as cuestións formuladas e a continuación fixo con eles unha visita guiada pola cidade.

Ao lado do concelleiro de Infraestruturas estiveron tamén na Casa da Luz representantes veciñais de Pontevedra como os presidentes da Federación Castelao, Juan Loureiro ou da asociación de veciños Eduardo Pondal, Luis Carballo e o presidente da Federación Galega de Asociacións de Veciños, Verísimo Pazos.

A directiva da Federación veciñal Roi Xordo de Ferrol convidará a representantes das asociacións veciñais e de comerciantes de Pontevedra, e tamén de Santiago, a un debate sobre o crecente camiño peonil que estase a facer nas cidades.