A mellora do saneamento do Gafos ampliarase até Alcalde Hevia

37
  • Todas as empresas que se presentan a esta licitación -agás unha, situada na parte baixa da táboa de puntuación- ofertaron as melloras do proxecto que consisten en ampliar até Alcalde Hevia a mellora do saneamento. A licitación contemplaba só até a estación de autobuses.

A Mesa de Contratación do Concello de Pontevedra reuniuse esta mañá para abrir o prego económico do proxecto de mellora da rede de sumidoiros do río Gafos. Trátase dunha licitación de 1.126.000 euros que ten por obxecto mellorar e incrementar a capacidade do colector paralelo ao río dos Gafos e, no caso que fose preciso, retiralo da canle do río.

O tramo de licitación é entre o linde co Concello de Vilaboa e a estación de autobuses aínda que se inclúen como dúas melloras os tramos entre a estación de autobuses e a avenida de Vigo, e entre a avenida de Vigo e alcalde Hevia. A execución sería de 9 meses.

A esta licitación presentáronse 18 empresas. Pendente de analizar as ofertas económicas as empresas mellor puntuadas até o de agora polos pregos técnicos son Covsa e Ediserpo-Onnios, seguidas de Espina e Delfín, Elsamex e Viaqua.

Nas ofertas económicas, as propostas oscilan dende a máis barata de 728.897 euros de Viaqua aos 1.006.000 euros de Covsa. En todas as ofertas, agás nunha, aparecen reflexadas as dúas melloras do proxecto, por iso o portavoz do Goberno e responsábel do Ciclo da auga, Raimundo González explicou que as dúas melloras se farán, dado que a empresa que non as ofertou está entre as menos puntuadas das 18 que concorren a esta licitación.

Aínda que é un tanto prematuro elaborar un calendario dado que o proceso aínda está sen adxudicar, Raimundo González adiantou que a obra poderá estar practicamente rematada neste ano, senón xorden complicacións sobre o terreo. Tamén confirmou que “hoxe é un día de satisfacción, porque por fin parece que vemos a luz para a execución deste proxecto que pasou moitas vicisitudes”.