Obras no Pavillón de Marcón para adaptalo á categoría Nacional

25

    • O campo de herba sintética da Xunqueira II recibe o módulo prefabricado do paseo de Marín para transformalo en almacén dos equipos que adestran nesta instalación.
    • No Pavillón de Salcedo substitúense as portas dos vestiarios e dos almacéns.

A Concellaría de Deportes realiza nestas semanas pequenas obras de mantemento e mellora en pavillóns e outras instalacións deportivas municipais que mellorarán a súa utilización polos usuarios. En concreto, está a realizar reformas nos pavillóns de Marcón, Salcedo e no Campo de herba sintética da Xunqueira II.

No pavillón de Marcón continúase coas obras de reforma que comezaron o pasado ano cando se correxiron problemas de filtracións da cuberta e se melloraron distintos espazos no interior danados por aquelas filtracións. Nesta ocasión, as obras pretenden adaptar o pavillón á categoría nacional, o que supón a separación de vestiarios, a adaptación dos vestiarios de árbitros e a separación da pista e da grada.

Ademais, tamén se arranxará unha pequena filtración na zona da entrada que chega á instalación a través da terraza.

No pavillón de Salcedo estanse cambiando as portas dos vestiarios e dos almacéns. Neste momento son de madeira e substituiranse por metálicas, unha vez que xa están rematados os traballos de dotación de auga sanitaria á instalación deportiva.

No Campo de fútbol de herba sintética da Xunqueira II, o Concello está a instalar o módulo prefabricado retirado do paseo de Marín para que sirva de almacéns dos clubs. Este módulo concibiuse como quiosco, pero o Concello non tivo ofertas para este módulo logo de abrir o proceso de adxudicación. Ante esta situación, o Servizo de Deportes acordou trasladalo ao complexo deportivo da Xunqueira para darlles uso.

As obras consisten en dividir interiormente este módulo para darlle un mellor servizo aos clubs que adestran neste campo.