Aberta a área de autocaravanas e campers nos terreos de Tafisa

471
    • Os vehículos poden acceder a ela dende hoxe mesmo e o estacionamento de turismos permanecerá pechado até despois da Semana Santa.
    • Está prevista a visita dunhas 100 autocaravanas na quedada organizada en Pontevedra para o vindeiro sábado, 15 de abril. A partir desa data abrirase o estacionamento de balde para turismos.

O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores e a concelleira de Turismo, Anabel Gulías visitaron esta mañá a área de autocaravanas que o Concello acaba de habilitar nos terreos de Tafisa. Trátase dunha superficie perfectamente iluminada e sinalizada con capacidade para 20 autocaravanas e dúas plataformas para coller e eliminar augas. Segundo os usuarios, é a única destas características que existe en Galicia: pola súa capacidade, instalacións e proximidade do centro urbano.

Lores recoñeceu esta mañá que “estar era unha débeda que tiña o Concello con este tipo de turismo”, unha fórmula de visita que “nos interesa porque é un turismo de capacidade económica media-alta”. Resaltou que esta área tamén “pode ser un punto de estancia, e dende aquí pódense achegar a todas as Rías Baixas”.

O alcalde agradeceu a colaboración que o Concello recibiu dos representantes da Asociación galega de autocaravanas e da Asociación galega de cámpers, á hora de deseñar e dotar a esta nova instalación turística.

O sábado 15 de abril está prevista unha concentración de autocaravanas e cámpers de toda España (achegaranse a Pontevedra arredor de 100) coincidindo coa Asemblea Nacional de Federacións de Asociacións de Autocaravanas que se celebrará en Pontevedra. Serán catro días de xuntanza na que farán visitas á cidade, aos arredores e outras actividades de lecer.

O alcalde anunciou que a área de autocaravanas xa está aberta dende hoxe mesmo, pero a área de estacionamento para turismo non se abrirá para uso público até despois da Semana Santa, xa que así servirá de apoio ás autocaravanas que visitarán a cidade a vindeira semana.

Manuel Fernández Arruti, presidente da Asociación de autocaravanas de Galicia destacou “as magníficas instalacións” nas que se autorizará aos vehículos permanecer durante 72 horas. Este prazo estará controlado pola Policía Local a través do Ollomóbil.