Pontevedra amosa en Valencia que paga a pena loitar pola calidade urbana

21
  • O alcalde de Valencia, Joan Ribó, louvou o modelo urbano pontevedrés na recepción institucional ao Forum Civinet

O alcalde de Valencia, Joan Ribó, agradeceu a vocación de exemplo e o modelo urbano de Pontevedra diante dos concelleiros de Promoción da Cidade e de Mobilidade, Anabel Gulías e Demetrio Gómez, durante a sinatura do Acordo de Valencia sobre Mobilidade Sustentábel proclamado no VIII Forum Civinet España-Potugal que esta rede de 35 cidades celebra na cidade do Turia.

Ribó citou expresamente que Pontevedra é un exemplo pola recuperación do espazo público, a mobilidade en xeral e particularmente a infantil, e que a súa experiencia está servindo a moitas cidades para optar por modelos semellantes. Foi durante a recepción coa que deu comezo a primeira xornada do Forum Civinet, introducido polas presidencias conxuntas de Santander e Torres Vedras (Portugal).

Despois de dúas sesións previas nas que diferentes persoas como o rexedor de Mobilidade valenciano, Guiseppe Grezzi, fixeran referencia ao avanzadas que están estas cuestións en Pontevedra, deu comezo un Foro Político no que participaron, ademais de Anabel Gulías, concelleiros de Valencia, Santander, Torres Vedras, Funchal, Murcia, Sant Joan Despí (Área Metropolitana de Barcelona), Cascais, Alcobendas e Braga, e tamén o alcalde de Irún.

Os procesos de participación eran o tema a debate, que se xerou sobre todo arredor dos temores que a poboación ten habitualmente ante os cambios operados na mobilidade. “Sempre que se loita contra os privilexios duns poucos ante aparentes dereitos moi consolidados, como a prioridade do automóbil nas cidades, xorden conflitos inevitabelmente, pero está na man da cidadanía o cambiar o estado de cousas, xa que aos catro anos poden mandarnos para casa”, dixo Anabel Gulías, quen subliñou que Pontevedra realiza numerosas asembleas abertas nas que veciñas e veciños poden expresarse directamente sen intermediarios. “Paga a pena loitar pola utopía da calidade urbana” engadiu.

A valentía para levar adiante as transformacións urbanas foi tamén moi subliñada, especialmente polos representantes de Irún, Valencia e Pontevedra, que coincidiron en que os primeiros temores van tornándose en entusiasmo unha vez que se vai vendo que a cidade funciona mellor con máis espazo para os peóns e menos para os coches.

A autoestima urbana foi outra liña de argumentación da concelleira de Promoción Urbana, que rematou cunha louvanza aos logros políticos que se propoñen e se executan “cara á utopía da calidade urbana”.