O Concello solicita a Fomento a cesión de parte da avenida de Marín

61
    • O propósito é poder completar o futuro paseo peonil e ciclista cara Marín, xa que Fomento non autoriza facer o paseo no carril da avenida de saída da cidade e máis próximo á ría, baixo a súa titularidade

O concelleiro de Infraestruturas, César Mosquera informou esta mañá que o Concello de Pontevedra solicitará ao Ministerio de Fomento a cesión de parte da avenida de Marín (entre a rotonda de Malvar e o inicio dos novos carrís de acceso á rotonda en altura de conexión coa variante de Marín) para que o Ministerio de Medio Ambiente poida construír o paseo peonil e ciclista cara Marín.

O Ministerio de Medio Ambiente recolle no seu proxecto do paseo o uso dun dos carrís da avenida de Marín, o máis próximo ao mar e de saída da cidade, como paseo, para continualo, despois, polo carril en desuso da autovía.

No trámite de exposición pública do proxecto, o Ministerio de Fomento explicou que segundo a súa normativa interna, non pode autorizar a creación dese paseo peonil nun dos carrís da avenida.

Neste punto e logo de conversas entre o Concello e Fomento, acórdase que o Concello solicite ao Ministerio a cesión desa parte da avenida para que, seguidamente, o ceda o uso ao Ministerio de Costas para que se poida construír esa parte do paseo.

César Mosquera explicou que esta solución foi unha iniciativa do Concello “porque nós somos os primeiros interesados en que o paseo saia adiante”.

Descoñécese o prazo para a cesión da vía, pero dende o Goberno confíase en que sexa rápido como xa se realizou noutras cesións.