O Concello proxecto a mellora da zona de baño da praia fluvial

15
    • Unha Xunta de Goberno extraordinaria aprobou o inicio do expediente de contratación por máis de 234.000 euros. As obras se farán despois do período estival.
    • Aprobouse a obra de rehabilitación dos accesos ás Fontáns e a prórroga da póliza de seguros de vehículos do Concello.

O Concello de Pontevedra iniciou coa aprobación da Xunta de Goberno Local o expediente de contratación da mellora e reparación da zona de baño da praia fluvial do río Lérez. É un proxecto que ten un orzamento de licitación de 234.323,98 euros e un prazo de execución de dous meses.

Segundo explicou o portavoz do Goberno, Raimundo González, a praia fluvial vai cumprir 8 anos. Construíuse nunha superficie de 29.400 metros cadrados e cunha zona de baño de 6.076 metros cadrados.  Ten un uso intensivo con arredor de 800 persoas diarias nos meses de verán, especialmente en xullo e agosto, polo que o desgaste do tempo obriga a facer unha intervención integral para mellorar a zona de baño.

Aínda que é preciso facer unha actuación integral, a praia está en perfectas condicións de uso para este verán, xa que non dará tempo para reparala. Farase despois da tempada de verán.

O proxecto contempla retirar a capa de xeotéxtil da praia, polo que será preciso retirar a area, sacar a manta de xeotéxtil e substituíla por outra máis moderna e efectiva. Logo reporase a area, aproveitando aquela que sexa posible e facendo as achegas necesarias. Os traballos faranse mantendo unha barreira de anticontaminación para evitar danar o leito do río, e creando unhas vías de acceso dentro da praia para os camións que deberán traballar no areeiro.

A mellora completarase con melloras nas duchas e tamén nos accesos á praia.

Rehabilitación do acceso ás Fontáns

A Xunta de Goberno Local tamén aprobou a adxudicación á empresa Covsa da rehabilitación do acceso ás Fontáns, na parroquia de Santa María de Xeve por valor de 230.713 euros e ten un prazo de execución de 3 meses. A empresa achega melloras como o incremento en 2 centímetros do asfalto e a formación de lombos como medidas de seguranza viaria.

Tamén se acordou a prórroga da póliza de seguros dos vehículos municipais coa empresa MGS, por valor de 51.193 euros, até o ano 2018.

COMPARTIR