Plan de calmado de tráfico en Mourente con 50 redutores da velocidade

28

    • O proxecto ten un orzamento superior aos 150.000 euros e levarase a aprobación da vindeira Xunta de Goberno.
    • Instalaranse nas vías municipais non tratadas e nas que non teñen algunha actuación de maior entidade prevista.
    • Completan outras obras como a urbanización dos Campos, o tratamento do acceso ao Mercantil, as obras nos Areás ou a rúa do Costado, entre outras.

O Concello de Pontevedra aprobará na vindeira Xunta de Goberno o Plan de calmado de tráfico na parroquia de Mourente, un proxecto que ten un orzamento de licitación de 151.058 euros e que suporá a instalación de máis de 50 redutores de velocidade nas vías municipais que non foron tratadas até o de agora ou nas que non está previsto actuar cun proxecto singular.

O concelleiro delegado da parroquia de Mourente, Alberto Oubiña explicou esta mañá que o obxectivo é mellorar a mobilidade peonil e ciclista en Mourente, e facer máis segura a vida dos veciños. Por iso, crearanse espazos seguros e itinerarios peonís, de tal xeito que calquera persoa poida ir camiñando de Eirós (a parte máis alonxada da cidade) á Valdecorvos (a máis próxima) con seguridade.

Outro dos propósitos do proxecto é continuar a trasladar a calidade urbana da cidade ás parroquias, xa que con estas intervencións quedará claramente diferenciada as rúas das estradas, que é unha das problemáticas do rural.

Para pór en marcha este Plan de calmado de tráfico o Concello construirá máis de 50 redutores de velocidade (xa sexan lombos de asno ou lombos con meseta) ao longo das vías municipais, seguindo as moitas peticións presentadas polos veciños para reducir a velocidade nas vías do rural e seguindo os criterios técnicos.

Un tratamento específico terá o ámbito do Local social de Cons, onde se instalan dous lombos moi próximos, dada a petición dos veciños de facer máis segura toda a zona.

Estes lombos veñen complementar outras actuacións xa realizadas na parroquia como a urbanización do lugar dos Campos por máis de 200.000 euros, os accesos ao Mercantil no lugar de Cons e do Pazo por máis de 120.000 euros; así como as medidas instaladas na avenida de Lugo ou en Santa Margarida. E as próximas actuacións nos Areás e na rúa do Costado por 104.000 euros e 240.000 euros, respectivamente.

Ademais, fóra do proxecto quedan espazos que terán un tratamento específico que será a contorna do colexio de Vilaverde ou o ámbito do Hospital Montecelo, ambos espazos con proxectos propios.

COMPARTIR