Dez empresas confirmaron a súa participación na delegación comercial a México

158

    • Están confirmadas Covsa, Galventus, Tokapp, Setga, Krack, Ya te comeré, O ganeiro de Amelia, Matriuska, O Eirado e Visit.
    • A convocatoria aínda continúa aberta.

O Concello de Pontevedra confirmou hoxe as dez primeiras empresas e entidades que formarán parte da delegación comercial que Pontevedra trasladará á Cidade de México a finais de agosto para participar en Expopymes CDMX 2017. Os seus representantes tiveron un almorzo de traballo co alcalde e a concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías no que foron avanzado na axenda que van desenvolver durante a súa estancia en México.

No almorzo estiveron presentes: Covsa, Galventus Servizos Eólicos, Tokapp Online, Setga, Krack Zapaterías, Ya te comeré, Matriuska Producciones, O graneiro de Amelia, O Eirado/Iñaki Bretal

  • COVSA (Construcións Obras e Viarias S.A.)

É unha empresa referente no eido da construción e realización de obra civil: estradas, obras hidráulicas de abastecemento e saneamento, portos, urbanizacións, instalacións deportivas, naves industriais, pontes e depuradoras.

  • GALVENTUS SERVIZOS EÓLICOS

Empresa especializada no mantemento de palas e materiais composites de aeroxeradores. Nacida en 2008 da man de profesionais con ampla experiencia no campo da inspeción, mantemento, reparación e peritaxe de pezas de composites no sector eólico.

Galventus mantén unha forte aposta polo (I+D+I), que lle permite ofrecer unha gama de servizos innovadores, de gran calidade e especializados.

Entre os anos 2013 e 2015 foi membro do consorcio de empresas para o proxecto FEDER INTEGRA – INTERCONECTA “PARCHE” de I+D, coordinado polo Centro Tecnolóxico AIMEN, co fin de desenvolver parches de composites para a reparación e reforzo de estruturas metálicas no sector naval.

Actualmente traballan nos proxectos de I+D: RAMSSES (Realisation and Demonstration of Advanced Material Solutions for Sustainable and Efficient Ships), MIAMI (Desenvolvemento de estruturas multimateriais para aplicacións offshore con solicitacións severas de fatiga e durabilidade no ambiente mariño) e ROTACION (Desenvolvemento de novas tecnoloxías de reparación de compoñentes do sistema de transmisión de turbinas para o sector eólico)

Desde as súas oficinas centrais Galventus da servizos a todo o mundo: España, UE, EEUU, México, Costa Rica, Brasil, Uruguai, etc.

A empresa ten contratos de mantemento integrais de longa duración cun volume de máis de 2000 WTG en España e na Unión Europea. Traballan coas máis importantes empresas do sector eólico estatal e internacional.

  • TOKAPP ONLINE

É unha compañía 100% Galega, líderes en todo o Estado no seu sector e con presenza en máis de 7 países, México, Arxentina, Colombia, Chile, Costa Rica… TokApp soluciona os problemas de comunicación das asociacións, clubes deportivos, concellos, centros de ensino e pemes, presentes en máis de 2.000 centros e institucións a nivel estatal, dando cobertura a máis de 1.000.000 de familias. Os usuarios reciben cada día mensaxes e notificacións de todo o que está pasando no seu centro ou institución, favorecendo unha mellor relación entre ambos.

  • SETGA

É unha compañía tecnolóxica galega especializada no deseño, desenvolvemento e fabricación de iluminación técnica exterior e interior LED, sistemas de mobilidade urbana e enxeñería civil avanzada. Desde a súa fábrica e centro de co-innovación en Pontevedra, a tecnoloxía de SETGA está presente en 13 países e 4 continentes, formando xa parte da paisaxe urbana de entornos tan vangardistas como o centro de Ámsterdam, o porto de Rotterdam, Milán e Dubai.

  • KRACK ZAPATERÍAS

É unha marca de calzado de moda con máis de 25 anos de experiencia reflectidos en máis de 40 tendas en España xunto coa súa tenda online krackonline.com.

Krack é hoxe un referente na xestión de tendas de calzado de moda que da emprego a máis de 200 persoas. Para elo, la marca Krack aposta pola innovación e o entorno dixital como puntos claves. As coleccións propias son un dos puntos fortes da marca, ligada desde fai máis de 5 anos a preescriptores de moda. O eu modelo de negocio converteuno nun referente do sector del calzado en todo o Estado.

  • YA TE COMERÉ

Empresa líder no sector gastronómico, Yatecomeré defínese como unha cociña central situada en Galicia que se adica á elaboración de produtos gastronómicos e solucións tanto para a hostelería moderna como para o consumidor final.

Ofrece unha ampla oferta de pratos elaborados baseados en receitas tradicionais sen perder de vista as novas tendencias culinarias a nivel mundial.

O seu liderazgo desenvólvese a través dun equipo formado por cociñeiros, desde o Desenvolvemento e Innovación dos produtos, a selección das Materias Primas, o Cociñado e Produción das súas elaboracións… acadando produtos de alto valor engadido.

  • O GRANEIRO DE AMELIA

É a empresa galega referente na venda de produtos de alimentación a granel. Nacida en Pontevedra, a firma conta con tendas nas principais cidades do país e coa súa propia marca, OGA referente en produto de proximidade e de calidade.

  • MATRIUSKA PRODUCCIONES

Produtora audiovisual cun foco especial no cinema e a cultura.

Dende hai máis de dez anos produce filmes e documentais de autor co obxetivo de acadar todos os territorios posibles na súa difusión e distribución estatal e internacional en todo tipo de salas tanto no circuito comercial como cultural e obtendo premios nos mellores festivais do mundo. As producións de Matriuska están presentes dende Xapón e Corea, ate Arxentina, Estados Unidos, Alemaña, Francia, etc.

Nos últimos anos coproduce filmes de autores internacionais con países como Cuba, Suiza, México ou Bélxica. Ademais Matriuska é a organizadora do Festival internacional de cinema de Pontevedra, Novoscinemas.

  • O EIRADO | IÑAKI BRETAL

Membro do Grupo Nove, Iñaki Bretal é un dos exponentes principais da cociña galega. Desenvolveu a súa traxectoria profesional en diferentes establecementos de restauración en Galicia, Madrid ou Cantabria ademais de participar en iniciativas e eventos gastronómicos en todo o mundo. Tamén foi profesor do Centro Superior de Hostelería de Galicia.

Na actualidade está ao frente do restaurante O Eirado, na que a súa proposta culinaria, centrada no produto, é un expoñente de calidade. O restaurante conta coa Q de Calidad e está recomendado na Guía Michelín e Guía Repsol.

A súa cociña estivo presente tanto a nivel estatal como internacional en múltiples eventos en Europa, América e Asia.

  • VISIT PONTEVEDRA E MANCOMUNIDADE DO SALNÉS

Turismo de Pontevedra é unha sociedade do Concello de Pontevedra que ten por obxecto a promoción, desenvolvemento e potenciación das actividades económicas e sociais que contribúan, directa ou indirectamente, a impulsar o desenvolvemento do turismo no ámbito territorial do Concello de Pontevedra.

O modelo de cidade fai de Pontevedra unha experiencia urbana amable e cómoda para o turista. Unha cidade que camiña, capital do Camiño Portugués a Santiago pero tamén unha cidade para terracear, comprar, visitar monumentos e achegarse aos vestixios do noso pasado sen esquencer visitar o Museo de Pontevedra. Desde Visit Pontevedra, en colaboración coa Asociación de Hoteis de Pontevedra, farase un esforzo para dar a coñecer a infraestrutura hoteleira da cidade

Pero Pontevedra tamén pode ofrecer escapadas paisaxísticas, culturais e monumentais na súa contorna. Motivo polo que Visit Pontevedra e a Mancomunidade de Salnés (administración pública integrada polos nove concello que conforman a comarca do Salnés) se unen nesta misión para promocionar dous recursos turísticos compartidos: a Ruta do Pai Sarmiento e a Variante Espiritual (que une o Camiño Portugués e o Ruta do Mar). O embaixador destes dous recursos e do Camiño Portugués será Celestino Lores Rosal, presidente da Fundación Camiño Portugués de Santiago.

Pontevedra en Expopymes

O concello, logo de ser convidado por parte da Secretaría de Desenvolvemento Económico da Cidade de México para que Pontevedra protagonice a edición deste ano de “EXPOPYMES Ciudad de México” xunto Los Ángeles, Chicago, Phoenix e San Antonio como única cidade europea participante, puxo en marcha un convite público para que aquelas empresas da cidade e a súa área de influencia que estiveran interesadas, participaran desta feira empresarial na que terá un papel protagonista.

EXPOPYMES, que contará con Chile como país convidado, celebrarase no World Trade Center da Cidade de México, do 23 ao 25 deste mes de agosto e ten como temas principais as enerxías limpas, as industrias creativas, TIC´S e Innovación, turismo, educación, comercio exterior e Ciencias da saúde. O evento está adicado a promover o desenvolvemento das pequenas e medianas empresas a través da vinculación con posibles aliados ou clientes estratéxicos, facilitando o fortalecemento de alianzas comerciais entre cidades e propiciando a vinculación e os negocios entre empresas nacionais e internacionais, organismos gobernamentais, financeiros e potenciais inversores.

Nos últimos anos, o modelo de cidade impulsado polo Concello de Pontevedra esperta o interese de múltiples organismos e institucións públicas e privadas a nivel internacional. Son moitos os premios e recoñecementos que avalan este xeito de entender as cidades que serven, sobre todo, para poñer Pontevedra no mapa internacional como exemplo dun desenvolvemento urbano sostible e integrado, concebido para mellorar a calidade de vida da cidadanía. Sen dúbida o modelo Pontevedra é, xunto co tecido comercial e empresarial, o motor que impulsa o noso desenvolvemento económico.

A marca Pontevedra é hoxe sinónimo de excelencia e calidade de vida a nivel internacional. Unha marca á que acompaña un tecido empresarial que conta con empresas punteiras e cun empresariado de primeira orde que son parte fundamental do noso desenvolvemento económico e social.

Así o entenden as empresas que participaron esta mañá no almorzo de traballo xunto ao Alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores e a concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías no que se trataron cuestións técnicas da viaxe e se falou das axendas paralelamente a Expopymes se están elaborando para cada empresa por parte da Concellaría.

Compre lembrar que cada empresa asumirá os custes da viaxe se ben o concello fixo tódalas xestións para que estes foran o máis económicas posibles. Aínda que a convocatoria a empresas continúa aberta, tódolos participantes que excedan o grupo de 25 persoas negociado polo concello deberán asumir o incremento dos custes por desprazamento.