O prego da Auga inclúe melloras por case 60 millóns de euros

31

Neste mes de xullo o Concello podería levar á Xunta de Goberno o prego de contratación do servizo de auga da cidade, segundo adiantou esta semana o concelleiro responsábel do Ciclo da Auga e portavoz do Goberno, Raimundo González. Xa están solicitadas ás empresas a descomposición de custes, enviouse á Comisión Nacional de prezos que informou non ser competente, polo que se remitiu ao órgano correspondente da Xunta de Galicia, que non se posicionou ao respecto. Están pendentes os informes municipais, nos que xa se está a traballar.

Tamén están elaborados todos os anteproxectos de obra que se incorporarán no prego de licitación como melloras do contrato e ao que poderán optar as empresas.

As melloras propostas no ámbito do saneamento ascenderán a 25.620.000 euros, ao abastecemento de auga potábel a 30.233.000 euros, e outras melloras serían 2.378.000 euros. Nestas últimas melloras están a impermeabilización da potabilizadora, a renovación dos motores de bombeo de auga de Monte Porreiro, a renovación do bombeo de Montecelo, e a reforma do saneamento nas rúas Echegaray e rúa Porta Grande (xunto a Conde Bugallal).

Sobre as melloras en abastecemento, destaca a implantación da rede en toda a marxe esquerda do río Lérez: Bora, Mourente, Marcón, Tomeza, Salcedo e Lourizán. Os investimentos por parroquia serían:

  • Marcón: 7 millóns
  • Mourente: 6,3 millóns
  • Bora: 4,9 millóns
  • Salcedo: 4,9 millóns
  • Lourizán: 3 millóns
  • Tomeza: 2 millóns

Ao respecto do saneamento, a distribución do investimento de 25.620.000 euros sería o seguinte:

  • Santo André de Xeve: 4.998.000 euros
  • Verducido: 4.787.000 euros
  • Campañó: 4.122.000 euros
  • Bora: 2.742.000 euros
  • Santa María de Xeve: 2.676.000 euros
  • Alba: 1.974.000 euros
  • Cerponzóns: 1.734.000 euros.

Tendo en conta que no rural hai arredor de 8.000 viviendas unifamiliares, e quedan pendentes de recibir o servizo de saneamento arredor de 1.200, na actualidade está pendente de conectar o 16,5% das vivendas do rural. Ou o que é o mesmo, o 3% da poboación do concello. Raimundo González indicou que o principal problema é o elevado custe de conexión de cada unha das viviendas pendentes, xa que sale cada casa a unha media de 20.000 euros. En concreto, as estimacións por vivenda son as seguintes:

  • Santo André de Xeve: 280 casas a 18.000 euros por vivenda
  • Verducido: 309 casas a 15.500 euros por vivenda
  • Campañó: 200 casas a 21.000 euros por vivenda
  • Bora: 150 casas a 18.500 euros por vivenda

Sen tratar de influír na licitación, Raimundo González indicou case unha obviedade: “A prioridade para o Concello é o saneamento, pero o licitador elixe”. Os investimentos que achegue a empresa gañadora serían para executar nos 3 primeiros anos do contrato, que tería unha concesión por 20 anos, e un prezo que supera os 130 millóns por toda a concesión.