Lores pon en valor en México o bimonio modelo de cidade/ industria creativa e cultural

67

O Centro Cultural de España en Ciudad de México foi o escenario da primeira gran cita institucional da visita ao país azteca da delegación pontevedresa. Alí o alcalde, Miguel Fernández Lores pronunciou unha conferencia, atendeu á canle cultural da televisión pública mexicana e falou sobre o modelo de cidade nunha amena charla que presentou o director da institución, Miguel Utray.

A charla foi precedida por varios vídeos sobre Pontevedra e desenvolveu un eixo temático entre o modelo de cidade e a industria creativa e cultural, especialmente en momentos de cambios culturais como os que estamos a vivir: “rúas e prazas convertéranse en inhóspitos lugares de mobilidade motorizada, con ruídos, fumes, estres, contaminación, gasto enerxético, saturación, excesiva inversión de tempo, consecuencias emocionais negativas, desmotivación vital e violencia viaria, e parte destes fantasmas habituais nas cidades proceden da excesiva presenza de automóbiles nos espazos urbanos”.

Ante este panorama, Pontevedra propón un novo modelo que consiste en dar prioridade ás persoas, máis espazo público, accesibilidade universal, tráfico só de necesidade, seguridade viaria, menos fumes, menos ruídos, é a cidade dos nenos e as nenas, tal e como sistematizou o alcalde, quen a partires de aí referiuse aos importantes logros medio ambientais da cidade e aos numerosos recoñecementos internacionais recibidos.

Tamén se referiu explicitamente a glosar as distintas citas culturais e festivas da cidade, as infraestruturas culturais e os eventos deportivos, todos eles como motores de desenvolvemento bastante potentes.

Sempre tras deixar ben claro que as realidades europea e latinoamericana pouco teñen que ver, as preguntas dos asistentes versaron sobre os procesos participativos centrados na recuperación do Centro Histórico, ante os que Lores deu a súa receita: “hai que apoiarse nos sectores máis activos da cidade”.

Tamén se interesou o público sobre a accesibilidade dos espazos privados, un proceso que vai moito máis lento que no caso dos espazos públicos: “facer unha cidade boa para os que máis dificultades teñen, equivale a construíla da mellor maneira para o gozo de todos”.

Outra cuestión formulada polo público tiña que ver coa denominada cadea de distribución, o que para nós sería a distribución de mercadorías e as facilidades de traballo que poden ter os repartidores, que serviu a Lores para lles explicar boa parte do sistema de mobilidade da cidade: “ao eliminar o tráfico de axitación e reducir o número de coches en circulación, os coches que realmente necesitan o espazo urbano teñen maiores facilidades para circular”.