O modelo urbano de Pontevedra abre portas

113
  • Por vez primeira unha viaxe institucional do alcalde incluíu empresas que participaron en Expopymes e desenvolveron, ademais das propias, unha axenda de contactos baixo o paraugas oficial
  • Lores: “a partir de agora cando haxa algún tipo de recoñecemento internacional imos a estar abertos a calquera empresa que queira acompañarnos”

“Éxito absoluto”, “a constatación de que o modelo urbano de Pontevedra abre portas”. O alcalde Miguel Fernández Lores resumíu deste xeito a viaxe institucional (de dobre

vertente política e comercial) realizada a México. “Era algo que percibíamos pero con esta experiencia comprobamos que o feito de que Pontevedra sexa un referente internacional a respecto dun modelo urbano pensado para as persoas abre portas, o que se confirmou coa embaixada empresarial que nos acompañou”.

Segundo explicou Fernández Lores as empresas que viaxaron a México para participar no Expopymes 2017 e desenvolver axendas de contactos baixo o paraugas do Concello de Pontevedra, ademais das propias, eran moi diferentes mais compartían unha serie de características: innovadoras, que están apostando pola internacionalización e que ofrecen produtos e servizos de alta calidade.

“O feito de ir acompañadas por unha delegación institucional que tivo contactos coas máis altas instancias de institucións mexicanas – dende o Goberno federal, ata o Senado, con concellos, mesmo tamén universidades, centros culturais, etc.. facilitou dunha forma absolutamente clara o contacto desas empresas con interlocutores válidos” subliñou o alcalde, quen engadiu que “a partir de agora estes contactos que se fixeron tanto institucionais como empresariais van a ter continuidade”.

Miguel Fernández Lores marcou un antes e un após desta viaxe: “algunhas empresas nun mes xa teñen que volver, outras confirmarán contactos… haberá máis ou menos repercusión económica desta viaxe pero o certo e que abrimos un camiño que ademais ten que servir de exemplo para o futuro, no sentido de que cando haxa algún tipo de recoñecemento internacional vamos a estar abertos a calquera empresa que queira acompañarnos”.

O éxito da viaxe a México, na que o alcalde estivo acompañado pola concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías, quen estivo ao fronte, dende hai meses, da organización da que foi a primeira delegación institucional-empresarial do Concello de Pontevedra. Un traballo feito “con tempo” e “bos resultados”.