Os escolares de Infantil e Primaria volven ás aulas

82

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores fixo esta mañá a tradicional visita aos centros de ensino de infantil e primaria do Concello con motivo do inicio do curso escolar. Neste caso, os centros escollidos foron o Colexio de Lérez e o Vidal Portela, un na zona rural e outro na urbana para coñecer as posibles incidencias no primeiro día de curso, así como as peticións do profesorado, que entren dentro das competencias municipais.

O alcalde destacou a preocupación do Concello por mellorar a seguranza viaria nos centros de ensino como no de Lérez, Salcedo, Carballeira ou o Vidal Portela, onde está prevista a creación dunha praza na parte traseira do centro de ensino para que os nenos poidan entrar ás aulas sen problemas, “incluso por parte dos vehículos dos seus pais”.

A concelleira de Educación, Carmen Fouces que acompañou ao alcalde na súa visita, xunto á concelleira delegada da parroquia de Lérez, Pilar Comesaña, explicou que neste curso arrancará o contrato de mantemento dos centros de ensino de infantil e primaria, por valor de 200.000 euros. Este contrato permitirá acometer as obras de mantemento dos centros de ensino con urxencia, evitando trámites administrativos. Ademais, a concelleira anunciou que é intención do seu departamento, xunto ao de Cultura, que tamén xestiona, ampliar a oferta concerta aos centros de ensino para pases de teatro, música…, facendo un tratamento especial ao colectivo docente para os espectáculos.