Discurso con motivo da inauguración da exposición “Os mundos de Carlos Casares” no Museo de Pontevedra

0

Queridas amigas, queridos amigos,

Sen lugar a dúbida nengunha, Carlos Casares é un dos autores máis lidos e influintes da literatura galega do século XX, e realmente moi querido en todo o país, pero especialmente polas xeracións que tiveron a sorte de medrar e educarse co sutil arrecendo da súa prosa doce e agarimosa.

Un Casares que tanto representou na cultura do país e tan perto sentimos os pontevedreses non só porque aquí viven boa parte dos seus descendentes, senón porque é unha das figuras presentes na famosa tertulia imaxinaria que preside a nosa praza de San Xosé, ao lado de Quiroga, Cabanillas, Paz Andrade, Bóveda e Castelao.

Un auténtico ronsel de galegos sen os que o século XX non sería o que foi. Un grupo de homes bons e xenerosos que aparecen na escultura de César Lombera homenaxeando non só a todos os que por alí pasan e incluso se retratan entre eles, senón que tamén honran a esa forma de vivir a vida e practicar a intelixencia que é falar.

Falar, tertuliar, contrastar o pensamento, debullar puntos de vista. Iso era tamén Carlos Casares, e iso imos ver nesta exposición, pois foi o noso protagonista educado no cálido lume das tertulias ourensanas dos anos 60, nas que se practicaba o morno galeguismo que despois ía florecer non só na obra literaria, senón tamén no compromiso político de don Carlos.

Estou seguro que nesta mostra, organizada de xeito tan atractivo, os afeccionados poderán percibir momentos e agradables anécdotas que levan tras de sí traballos tan sobranceiros como Ilustrísima, Xoguetes, A Galiña Azul, o Deus sentado ou os Mortos daquel Verán, así como a súa dimensión familiar, a de articulista de La Voz de Galicia, a de tradutor, a do Casares deputado nos anos 80, a do académico, ou o labor editorial, xa que levou o timón de Galaxia, sen dúbida un dos grandes motores culturais do país na segunda metade do século pasado.

Quero agradecer en nome dos pontevedreses e pontevedresas que trouxésedes aquí esta exposición, organizada con tanto mimo e que tan ben lle senta a un museo tan sobranceiro como este, auténtico Museo Nacional de Galiza, onde a personalidade de Carlos Casares harmoniza con tanto tesouro que aquí reside.

Grazas por vir, grazas por convidar ao alcalde a dar este primeiro paseo pola Exposición, grazas por contribuir a este Ano Casares das Letras Galegas, que por certo dará paso a outro moi pontevedrés, o dedicado a María Victoria Moreno, cidadana de adopción da nosa Boa Vila e a quen honraremos tanto e tan ben como este ano fixemos coa talentosa e brilante figura de Carlos Casares.

Moitas grazas

COMPARTIR