Concello e ONCE acordan modificar o convenio urbanístico de 2006 e desbloquear a actual parálise

187
    • O Concello manterá a propiedade da residencia e o xinmasio da ONCE. Recupera a parcela da U-18 de Doce de Novembro e mantén o aproveitamento urbanístico da parcela matriz da ONCE para abrir a cidade cara o sur e proxectar un vial que una a zona administrativa de Campolongo co ámbito do IES Torrente Ballester.
    • A ONCE mantén a súa actividade no colexio que o reformará para as súas necesidades, e compensará ao Concello na urbanización con edificación.

O Concello de Pontevedra mantivo onte unha reunión co equipo xurídico da ONCE, que propón unha modificación do convenio urbanístico asinado entre ambas institucións no ano 2006 para desbloquear a actual parálise do convenio. Anabel Gulías, concelleira de Urbanismo, explicou esta mañá que o convenio se atopaba bloqueado debido á crise que viviu a construción, pero que é intención de ambas institucións continuar cos obxectivos básicos desta operación urbanística: favorecer o crecemento da cidade polo sur e tamén conservar a presenza da ONCE en Pontevedra. Coa proposta presentada onte no Rexistro Municipal por parte da ONCE, mantéñense eses dous obxectivos.

Anabel Gulías lembrou esta mañá que o convenio asinado no ano 2006 actuaba sobre unha finca duns 35.000 metros cadrados cualificada urbanisticamente como equipamento. O convenio prevía a recualificación urbanística de grande parte desta parcela e a segregación de distintas fincas:

    • Unha de 884 metros cadrados que se incorporou á Unidade de actuación Urbanística 25 (próxima a Alfonso X).
    • Unha de 3.600 metros cadrados, que é a que ocupa a residencia (na actualidade propiedade municipal).
    • Unha de 400 metros cadrados permutada ao Concello no ámbito da Corvorana, e que xa foi cedida á Fundación Xoán XXIII para a creación do seu centro ocupacional.

O convenio prevía a permuta da residencia ao Concello, que á súa vez entregaba unha parcela na Unidade de actuación 18 (entre Joaquín Costa e Doce de Novembro) para que a ONCE construíse un novo centro de recursos e un estacionamento.

A operación urbanística tamén incluía unha recualificación da parcela matriz da ONCE para aproveitamento urbanístico (edificable), para o que foi preciso tramitar e aprobar unha modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal. Nesta modificación prevíase como compensación, a posterior entrega ao Concello do actual colexio, unha vez construído o novo edificio en Doce de novembro.

Dado que tardou tres anos en realizarse a modificación do Plan Xeral (por causas alleas ao Concello), a ONCE topouse no momento de impulsar o proxecto en plena crise da construción. Tivo, polo tanto, serias dificultades tanto para levantar o novo edificio como para pór a disposición os terreos edificables. Polo tanto, resúltalle de difícil cumprimento o actual convenio.

Esta é a situación actual. Logo de múltiples conversas, a ONCE acorda solicitarlle ao Concello un cambio no convenio asinado en 2006, que o Concello tamén considera apropiado mantendo sempre as premisas iniciais: seguir abrindo a cidade cara o sur, polo que se manterá a modificación urbanística do Plan neste ámbito, e tamén manter a ONCE na cidade no mesmo espazo no que xa existen outros equipamentos como o Centro Sur ou o ximnasio.

No cambio do convenio, o Concello recupera a parcela da Unidade 18 (entre Joaquín Costa e Doce de Novembro) que poderá empregar para outros usos dotacionais, e a ONCE quédase co colexio que reformará para as súas necesidades.

Ao mesmo tempo, mantense a modificación do Plan para que exista un aproveitamento urbanístico da parcela matriz da ONCE, cuxo proxecto de urbanización está previsto desenvolver en tres fases:

    • A primeira é a construción dun vial que permita conectar a zona administrativa de Campolongo co ámbito co IES Torrente Ballester. Para facer esta vía, a ONCE está disposta a achegar, con carácter inmediato, medio millón de euros.
    • A seguinte é darlle continuidade a esta vía até San Brais
    • A última é a propia urbanización da parcela, onde o Concello obterá edificabilidade pola diferencia de valor entre a parcela do Colexio e a da U-18, aínda que este punto aínda está por concretar.

O Concello quedou encargado de redactar a modificación do convenio para volver a reunirse coa ONCE e perfilar os detalles da operación, pero a intención do departamento de Urbanismo para o 2018 é aprobar o convenio, recibir o proxecto de equidistribución que fixará os usos que se lle dará a cada un dos espazos da parcela principal, e tamén poder tramitar ou iniciar a construción do novo viario.