Espazo Crianza, o comercio abre ás portas aos bebés

26

A lactancia e a crianza é un feito natural. Partindo deste principio o Concello de Pontevedra- a través das concellerías de Promoción Económica e de Igualdade- e Teta Meiga poñen en marcha o proxecto Espazo Crianza no que o comercio local xogará un papel determinante. O obxectivo é crear unha rede de establecementos coas portas abertas ás nais (e pais) que precisen aleitar aos seus bebés en momentos puntuais dentro da vida cotiá da cidade, de tal xeito que atopen neles un espazo no que sentirse cómodo, ao abrigo do mal tempo, etc.

A concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías, acompañada das portavoces de Teta Meiga- Grupo de apoio á lactancia e crianza, Vanesa García e Cristina Fariñas, presentou á iniciativa que é un paso adiante ao que xa é un convite habitual. A iniciativa encaixa, sinalan as promotoras, no modelo Pontevedra, unha cidade amábel, colaboradora, inclusiva e agarimosa, pensada para as persoas.

Os comercios interesados en participar nesta iniciativa de Espazo Crianza só terán que dispoñer dunha cadeira que facilite o aleitamento e sinalizar a súa condición cunha pegatina identificativa. Para adherirse terán que cubrir unha ficha de inscrición e unha folla de compromiso que se poderá entregar na Casa da Luz ou enviar por correo electrónico ao enderezo tetameiga@gmail.com

Por outra banda, Teta Meiga-Grupo de apoio á lactancia e crianza organiza sesións informativas ou obradoiros todos os primeiros e terceiros luns do mes, de 17.30 a 19.00 horas, na Casa da Luz.