A evolución ambiental de Pontevedra podería ser avaliada pola Universidade de Salzburgo

93
  • A cidade uniríase a dúas austríacas e tres suecas -ao abeiro do proxecto “Greenario”- para medir os recursos naturais que había, que hai e que haberá

A posibilidade de participar nunha rede de medición da calidade urbana foi avaliada nunha reunión mantida pola concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías co investigador da Universidade de Salzburgo, Gyula Kothencz, do departamento de información xeográfica. Á xuntanza, que tivo lugar na sede do Salzburg Global Seminary, asistiu tamén o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores.

Este departamento dirixiuse hai meses ao concello para sondear a participación da cidade nunha liña de investigación europea na que tamén tomarían parte outras cidades do continente, relativa aos recursos naturais do espazo urbano e arredores, como árbores, bosques, ríos e vexetación de ribeira, entre outros, tanto estritamente naturais como de uso público para ocio e gozo da cidadanía.

Aquel proxecto non chegara a converterse en realidade pola falta de financiamento, pero o profesor Kothencz suxeriu que a caso pontevedrés resultaría moi interesante para o proxecto “Greenario”, dedicado a medir a evolución do territorio desde un pasado máis ou menos recente ao presente e como debe evolucionar de cara ao futuro: “Queremos saber que había antes, que hai agora e que debera haber no futuro de cada unha das cidades estudadas, para que o número de árbores, parques, ríos, lagos e calquera outro recurso verde ou azul sume activos de calidade urbana e non reste”.

“A pouco que coñezamos Pontevedra estamos seguros de que pode ser un exemplo de evolución positiva”, dixo o investigador que en principio non ve inconveniente que a Boa Vila se una a este proxecto no que tamén participan dúas cidades austríacas e tres suecas, de momento.

O compromiso de Pontevedra consistiría en fornecer o estudo dos datos necesarios para realizar un diagnóstico obxectivo da evolución da paisaxe urbana no relativo á súa infraestrutura ambiental.