150 familias usan o composteiro de Eduardo Pondal, aberto co compromiso de 44

97
  • O Concello instalará 2-3 novos centros no eixo Eduardo Pondal-O Gorgullón e contorna, tralo éxito do 1º centro de composta urbano, a recollida de sinaturas entre a veciñanza e a recomendación das mestras composteiras
  • Encheuse en 4 días cando, axustándose ao volume previsto, tiña que ter tardado quince

Superan – e no caso de Eduardo Pondal, con moito- as previsións de uso e ademais as aportacións feitas, e dicir a selección de biorresiduos, son “moi boas”. A concelleira de Servizos, Carme da Silva, informou hoxe do éxito da posta en marcha dos composteiros comunitarios no cruzamento das rúas Teixoeira-Eduardo Pondal (o primeiro no centro urbano) e no barrio de San Brais.

No caso de Eduardo Pondal, o centro de compostaxe abriuse o pasado luns co compromiso de uso asinado por 44 familias da zona pero cando levamos cinco días de funcionamento, as mestras composteiras acreditan que está a ser utilizado por arredor de 140-150 vivendas o que proba o interese da veciñanza do barrio e derredor polo sistema alternativo de recollida e tratamento de residuos orgánicos que está a por en marcha o Concello de Pontevedra. “Encheuse por completo nos primeiros catro días, cando as previsións son de 15” explicou a concelleira Carme da Silva, quen ten claro que estamos diante dun dato que avala o interese pola compostaxe e o medio ambiente dos máis.

As mestras composteiras que fan o seguimento diario, e informan a pé de instalación sobre a compostaxe e o uso correcto dos composteiros, sinalan que os veciños e veciñas están a facer unha correcta selección e utilización do centro de composta, que lles piden novos composteiros e que moita xente que se achega co seu lixo orgánico son de fóra da contorna da instalación.

A recollida de sinaturas dos veciños/as do barrio e zonas limítrofes para pedir novos composteiros e chamadas ao Concello no mesmo senso; a realidade física do éxito do primeiro centro de compostaxe urbano e as recomendación das mestras composteiras levan a concelleira de Servizos, Carme da Silva, a anunciar que “tomamos a decisión de instalar 2 ou 3 composteiros máis”. Será na Comisión de seguimento da compostaxe onde avaliarase o número e posíbel ubicacións de novos composteiros comunitarios no eixo Eduardo Pondal-O Gorgullón- Avenida de Vigo e contorna. A instalación farase “o antes posible”, engadiu Da Silva.

Pola súa banda en San Brais, o composteiro comunitario púxose en funcionamento o pasado luns e aínda que nunha primeira valoración falouse dun centro de seis módulos ao final instalouse un de 10, o que se demostrou un acerto. Aínda que non está cheo ao 100%, houbo que repoñer o estruturante.