Amplíase a compostaxe comunitaria a tres novos puntos do barrio de Eduardo Pondal

43

O Concello de Pontevedra reuniu esta mañá a Comisión de seguimento da compostaxe para avaliar o bo funcionamento dos últimos composteiros instalados en Eduardo Pondal e en San Brais. Ao respecto do barrio de Eduardo Pondal, a Comisión acordou que se instalen novos composteiros nas zonas de Ponte Bolera, Camiño de Ferro e Eduardo Pondal.

Nos vindeiros días daranse os seguintes pasos para concretar as súas localizacións.

Cabe lembrar que no caso de Eduardo Pondal, o centro de compostaxe abriuse co compromiso asinado de uso de 44 familias da zona pero logo de cinco días de funcionamento, as mestras composteiras confirmaron que foi utilizado por arredor de 140-150 familias o que proba o interese da veciñanza do barrio e derredor polo sistema de tratamento de residuos orgánicos que está a por en marcha o Concello de Pontevedra.

A decisión de ampliar os composteiros tomouse esta mañá logo de coñecer o éxito do primeiro centro de compostaxe urbano e as recomendación das mestras composteiras.

COMPARTIR