Peche entre Álvaro Cunqueiro e Padre Gaite para crear a gran praza de Cruz Vermella

98
    • As obras comezaron esta semana traballando na nova praza que se xerará ao carón da sede de Cruz Vermella e do centro de ensino.
    • O xoves está previsto eliminar o estacionamento de Padre Gaite, para transformalo nun carril de circulación. Trasládase a Padre Gaite o aparcamento de ambulancias da Cruz Vermella.

O Concello de Pontevedra iniciou esta semana os traballos de reforma da rúa Cruz Vermella. Un dos primeiros pasos, ademais de abrir o centro de obra e depositar acopios, son os cambios de mobilidade na zona que se irán implantando ao longo desta semana.

Hoxe pechouse o tráfico a rúa Cruz Vermella, entre a rúa Álvaro Cunqueiro e Padre Gaite, onde está previsto que se cree a nova praza do barrio. Todos os vehículos que circulen por Cruz Vermella poderán saír cara a avenida de Bos Aires por Salustiano Portela Pazos.

Ademais, dende o xoves, 12 de xullo, tamén se prohibirá o estacionamento no lateral esquerdo da rúa Padre Gaite (xunto ao Estadio da Xuventude), onde se habilitará un carril de circulación; e se trasladará o estacionamento das ambulancias do centro de Cruz Vermella (agora na rúa Cruz Vermella), ao lateral dereito de Padre Gaite.

Covsa é a empresa encaragada de facer a reforma da rúa Cruz Vermella por 1.186.284 euros, incluíndo no prezo as melloras da beirarrúa de Padre Gaite (93.229,61 euros) e a reurbanización da praza da Castaña (61l229,64 euros). O prazo de execución das obras é dun máximo de 10 meses.

O proxecto de reforma Cruz Vermella inclúe catro actuacións:

    • A rúa da Cruz Vermella máis a de Álvaro Cunqueiro na que se empatará a actuación coa obra xa feita. Gáñase espazo peonil con beirarrúas de máis de tres metros, ordénase o aparcamento nunha única beira da calzada e regularízase o mobiliario urbano. O tráfico a motor terá saída por Salustiano Portela Pazos, cara a avenida de Bos Aires.
    • Rúa Salustiano Portela Pazo: Queda en dirección sída do barrio e cambiáselle ao lado do aparcamento
    • Rúa Padre Gaite: Refaise a beirarrúa enteira e elimínanse os plátanos que son unha barreira na beira do Pavillón Universitario. Substitúense por novas árbores e ordénase todo o espazo con mobiliario, iluminación, árbores, tránsitos peonís…
    • Nova Praza: É a actuación máis ambiciosa e quere prestar atención preferente ao centro de ensino permitindo que os nenos poidan ir sós ao colexio e poidan xogar na rúa.
    • Tamén se lle dá un servizo parecido ao pavillón de deportes e ao centro da Cruz Vermella. O acceso e saída á praza será pola rúa Padre Gaite.