As pavimentacións urbanas continúan mañá por Raíña Vitoria con García Sánchez

25

    • O xoves e o venres fresarase e asfaltarase a rotonda de Eduardo Pondal con Teixoeira e Profesor Filgueira Valverde. O Concello recomenda aos condutores non empregar este tramo da rúa durante estas dúas xornadas.

Os traballos de pavimentación que o Concello de Pontevedra está a realizar estes días no tramo urbano, trasládanse mañá e o mércores ás rúas Raíña Vitoria e Augusto García Sánchez. E o xoves e o venres a glorieta de Eduardo Pondal coas rúas Teixoeira e Filgueira Valverde.

Ao respecto da pavimentación que comeza mañá, entre Raíña Vitoria e Augusto García Sánchez, consiste no fresado e asfaltado da rotonda que une as dúas rúas. Prolongarase até o mércores.

Estes traballos supoñen o peche do carril de entrada á cidade pola avenida Raíña Vitoria entre as 09.30 e as 13.30 horas e as 15.00 e as 19.30 horas, de ambas xornadas. Para canalizar os tráfico que accede á cidade dende ese punto, colocarase sinalización informativa na Ponte da Barca e en Beiramar para dirixir aos condutores polas rúas Manuel del Palacio, Fernández Ladreda e Alcalde Hevia. Garántese o acceso e a saída por Pastor Díaz, San José e Augusto García Besada. O estacionamento da Alameda tamén ten garantida a súa entrada e saída.

A segunda pavimentación consiste no fresado e asfaltado da Glorieta de Eduardo Pondal coas rúas Teixoeira e Profesor Filgueira Valverde. Farase nas xornadas do xoves e do venres, e suporá o peche da metade da glorieta.

A pesar de que se garantirá a mobilidade en ambos sentidos de circulación, o Concello recomenda evitar o tránsito por este tramo de Eduardo Pondal, no que tamén se está facendo unha nova beirarrúa, que tamén afecta á circulación.

Estas dúas obras complétanse coas pavimentacións da liña de estacionamentos da rúa Castelao e a pavimentación de Garcia Camba e Oliva.