A estoniana Tiiu Kitsik gaña o 2º Premio Internacional de Ilustración do Salón do Libro

9
  • O traballo –escollido entre 115 propostas de 25 países– será a imaxe do cartaz da XX edición do Salón, que terá lugar do 22 de marzo ao 12 de abril baixo o lema “A Revolución”.
  • O xurado destacou da ilustración gañadora a representación dunha revolución levada a cabo polo mundo das crianzas co libro como bandeira.
  • A Deputación de Pontevedra editará, tal e como fixo o ano pasado, un almanaque coa imaxe gañadora e as 12 finalistas.

Un ano máis O Salón optou pola vía do concurso para escoller a que será a imaxe do cartel da súa vixésima edición, que se celebrará entre o 22 de marzo e o 12 de abril na nosa cidadade e contará coa cultura lusófona como convidada.

A convocatoria, realizada polo Concello de Pontevedra e Gálix (Asociación Galega de Literatura Infantil e Xuvenil) recibiu un total de 115 propostas e sufriu con respecto ao ano anterior un incremento considerable no número de países de procedencia, que foron un total de 25: Corea, Finlandia, España, Colombia, Arxentina, Serbia, Perú, Cabo Verde Croacia, México, Eslovenia, Italia, Sri Lanka, Venezuela, Portugal, Brasil, Estonia, Letonia, Lituania, Holanda, Chile, India e Francia.

Tal e como comentou o xurado, pese a que a temática era máis complicada, as achegas foron moi numerosas e a maior parte delas destacaban o poder que teñen os libros para revolucionar e transformar o mundo. É o caso da ilustración gañadora que representa a revolución como algo alegre, a revolución do mundo das crianzas co libro como bandeira

Entre as curiosidades cabe destacar que a gañadora, Tiiu Kitsik, que recibirá ademais unha dotación económica de 3000€, fora xa finalista o ano pasado e que, entre os 12 finalistas que relatamos a continuación, atopamos alumnado do Mestrado de Libro Ilustrado e Animación Audiovisual da Facultade de Belas Artes de Pontevedra e membros da AGPI (Asociación Galega de Profesionais da Ilustración): Martina Tonello (Italia), Sarai Lorenzo Broullón (Galicia), Helder Tereixa Peleja (Portugal), Eva Daniela Alves Vieira (Portugal), Aída Alonso Vázquez (Galicia), Susana Suniaga (Venezuela), Laura Miranda Moreno (España), Arancha Perpiñán (España), Lucas García París (Venezuela), Manuela Elizabeth Rodríguez González (Galicia), Fina Lorenzo (Galicia), e Rocío Paz Fernández (Galicia).

Integraron o xurado, reunido hoxe na Sala de Comisións do Concello e contando como presidenta do mesmo, con voz pero sen voto, coa Concelleira de Cultura e Presidenta do Pazo da Cultura, Carme Fouces e a pedagoga municipal Vanesa Estévez Baquero como secretaria, as seguintes persoas: Antonio Seijas, ilustrador, en representación de Gálix (Asociación Galega de Literatura Infantil e Xuvenil). Alberto Ariza, ilustrador, en representación da AGAPI (Asociación Galega de Profesionais da Ilustración). Itziar Ezquieta, artista plástica e docente da Universidade de Vigo. Belén G. Freijeiro, deseñadora gráfica e docente no Máster de Libro Ilustrado da Universidade de Vigo. Eva Mejuto, coordinadora do Salón Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra.