O Concello inicia o luns a colocación das novas illas de reciclaxe en toda a cidade

21
    • Comeza instalando os iglús de vidro e continuará, cara o 5 de novembro, co despregue dos colectores amarelos e azuis.
    • A concesionaria ampliará o servizo de recollida de vidro porta a porta máis aló do centro histórico, para liberar a carga que o sector da restauración fai nas liñas de recollida doméstica.

A Concellaría responsable da xestión dos RSU na cidade manterá a vindeira semana unha intensa actividade xa que comezará a renovación das illas de reciclaxe do concello, que pasarán de 263 a 270 no ámbito urbano, e de 50 a 175 no rural.

O cambio comeza polos colectores de vidro, segundo explicou esta mañá a concelleira de responsable do servizo, Carme da Silva. Aínda que a empresa concesionaria, Ferrovial, xa iniciou a retirada e colocación dalgúns contentores a modo experimental -para saber cantos pode colocar por día-, está previsto que o despregue comece a partir do luns, 22 de outubro polas rúas María Victoria Moreno, avenida de Vigo, Estación… e seguir esa ruta.

A concelleira Carme da Silva explicou que a empresa tratará de colocar de madrugada estes colectores porque resultará máis fácil o despregue, pero nalgúns casos tamén o fará de día, polo que pediu a colaboración e comprensión dos pontevedreses polos inconvenientes que poidan ocasionar.

A previsión da empresa é que remate de instalar os colectores de vidro entre o 5 e o 7 de novembro, para continuar coa colocación dos novos contentores dos envases e do papel, e ter colocada todas as novas illas de reciclaxe a final de ano.

Paralelamente, a empresa tamén traballa en ampliar a recollida de vidro porta a porta, que na actualidade se realiza só no centro histórico. O obxectivo é retirar o vidro procedente da hostalería e liberar as rutas do vidro doméstico, xa que é a causa de que en moitos lugares os colectores de vidro os enchan os locais do sector da restauración.