O Observatorio constata que Pontevedra foi a cidade galega con menos baixas de empresas no 2017

8
  • Rachou coa tendencia ao saldo negativo dos anos anteriores e ocupou a primeira posición en canto a continuidade dos proxectos empresariais
  • Anabel Gulías define ao Observatorio como un instrumento rigoroso para a análise da economía local, da situación real do Concello

Pontevedra rexistrou o pasado ano máis altas de empresas que baixas, converténdose na primeira cidade de Galicia con saldo positivo neste eido. Así o acredita os indicadores de posicionamento respecto ás cidades galegas do avance do Observatorio Urbano de Pontevedra 2017. Unha análise que elabora o Grupo de Investigación G4 Plus Desenvolvemento estratéxico: Organización e territorios da Universidade de Vigo, que coordina Pedro Figueroa.

Como recolle o documento presentado pola concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías e Pedro Figueroa, na Boa Vila descendeu o número de baixas de empresas nun 16,14% ao tempo que o descenso nas altas foi do 5,98 o que permitiu rachar a tendencia negativa dos últimos anos. Ademais Pontevedra ocupa a primeira posición respecto a permanencia das iniciativas empresariais.

“Hai unha redución das baixas de empresas moi importantes, a máis grande de Galicia, iso implica que a creación de empresas dos últimos anos é de maior calidade porque non pechan. Antes até asustaban as cifras, as baixas superaban con moito as altas. Se están facendo proxectos empresariais máis sólidos” avalía Pedro Figueroa.

Este dato positivo tamén foi valorado pola concelleira de Promoción Económica: “é unha satisfacción recibir estes datos pois queren dicir que non se trata tan só de facer e poñer en marcha políticas municipais para crear empresas senón de levar adiante accións para que se manteñan”.

Os datos positivos acreditados no censo electoral, na subida dos ingresos medios, a mellora dos datos do paro – baixou un 29% nos últimos cinco anos- ou da taxa de risco de pobreza -a segunda máis baixa das cidades galegas-  non impiden “unha percepción negativa” por parte dos pontevedreses que declaran ter moita dificultade para chegar a fin de mes nunha porcentaxe superior a outras urbes con datos obxectivos máis negativos.

Anabel Gulías presumiu do Observatorio Urbano: “Estou moi orgullosa de ser a única cidade galega de ter a disposición de todos os veciños e veciñas un instrumento para a análise da economía local, un instrumento rigoroso que, como di o profesor Figueroa, os datos son datos e logo que as interpretacións que cada quen faga depende doutros factores. A nós o que nos gustaba ter é unha mostra de datos obxectivos, para despois analizarmos a situación real do Concello”

O Observatorio analiza a situación tendo en conta a comarca “mais tamén as cidades para ter unha panorámica real do país” explica a concelleira quen aposta polo rigor e a transparencia. “Hai datos que están mellor que outros, é obvio… pero nós sempre decidimos facelos públicos sexa a que sexa a valoración que despois se faga deles”.

O documento presentado no CES e publicamente -indicadores de posicionamento das cidades de Galicia- e un primeiro avance. O documento completo estará listo antes de que remate o ano

“No CES manifestou o profesor Figueroa e eu mesma a nosa disposición a escoitar as peticións dos axentes sociais se que hai algún indicador que variar, ou si hai que incluír algunha cuestión, se se considera que algún dato ten que ter unha análise máis demorada. Seguimos coa man tendida para que os axentes sociais fagan as valoracións….  O Observatorio segue a ser un instrumento flexible, a disposición non só dos grupos políticos, se non dos axentes sociais”.

Observatorio. avance

COMPARTIR