O Concello avanza na extensión da calidade urbana por Lourizán e Marcón

115
  • Investirá máis de 320.000 euros en proxectos de mellora das vías en O Rial e O Outeiro (Lourizán) e A Peralba (Marcón)
  • Demetrio Gómez presentará o proxecto “non pechado” á veciñanza de Lourizán mañá, ás 20.00 horas no Centro parroquial
  • Alberto Oubiña reunirase cos veciños/as no Centro parroquial de Marcón o venres 9 de novembro, ás 20.15 hora

O Concello avanza na extensión dos estándares de calidade urbana nas parroquias e non tan só nos seus núcleos centrais se non tamén nos seus barrios. Os concelleiros Demetrio Gómez e Alberto Oubiña presentaron hoxe tres actuacións que van nesta liña – dúas en Lourizán e unha en Marcón- e que suporán un investimento de máis de 300.000 euros. Son actuacións demandadas polos consellos parroquiais.

En Lourizán vanse a investir 160.350 euros na rehabilitación e asfaltado das vías de O Outeiro e O Rial. “Son traballos moi complexos” sinalou o concelleiro do Rural, Demetrio Gómez xa que son dúas zonas “densamente poboadas e que gardan as trazas propias dunha parroquia mariñeira con camiños moi estreitos”. Calzadas de dous metros; 63 tapas de rexistro nun camiño (unha cada 15 metros) ou terreos que non se poden fresar porque teñen pedra debaixo son algunhas das dificultades que terán que superar a obra prevista.

Demetrio Gómez presentará á veciñanza o proxecto – “aínda non pechado”- para O Outeiro e O Rial co fin de que o coñezan polo miúdo, para debater cuestións pendentes de acabar de definir como a zona de aparcamento e para compartir información sobre cuestións que poden afectar a obra e as propiedades como, por exemplo, a localización exacta de tubos privados de auga.

A reunión cos veciños e veciñas de Lourizán será mañá xoves 8 de novembro, ás 20.00 horas no Centro parroquial.

Polo que respecta á actuación na Peralba-Marcón, o investimento previsto é de arredor de 165.000 euros. A redacción deste proxecto foi en paralelo a pequenas actuacións na zona, segundo explica o concelleiro delegado da parroquia, Alberto Oubiña.

Os traballos previstos na Peralba inclúen novo pavimentado en 900 metros lineais de estrada, 500 metros de canalización de augas pluviais, a instalación de medidas de calmado de tráfico e seguridade, como a colocación de varandas nalgúns tramos, e sinalización.

Oubiña presentará o proxecto á veciñanza e recollerá suxestións nunha reunión convocada para o vindeiro venres 9 de novembro, ás 20.15 horas na Casa parroquial de Marcón.