Mosquera: “No son lombos, son demostracións de que as persoas son o prioritario”

32
  • Pontevedra participa no Forum Europeo de Administradores da Educación de Madrid

“Pontevedra non está chea de lombos; está chea de demostracións de que as persoas son o prioritario”. É unha frase de César Mosquera, concelleiro de Infraestruturas, no Fórum Europeo de Administradores da Educación de Madrid que tivo lugar no Pazo de Cibeles, sede do concello da capital. Compartiu mesa redonda con técnicos dese municipio, o catedrático de Psicoloxía ambiental da UAM (Universidad Autónoma de Madrid)  José Antonio Corraliza e o arquitecto do CEAPAT (un organismo estatal sobre accesibilidade), Carlos Rodríguez Mahou.

O concelleiro de Infraestruturas desenvolveu a súa charla falando da “experiencia práctica dunha cidade”, non dun desiderátum ou dunha declaración de intencións. “Un proceso que debe abranguer a toda a cidade, non só aos barrios centrais, históricos ou de máis presión turística”, todo baixo unha máxima ideolóxica: o dereito ao espazo público como algo fundamental, ao nivel da sanidade ou a educación.

“Para iso —dixo Mosquera— é preciso a acción política, unha acción que debe centrarse nas competencias municipais, xa que o espazo público é a competencia máis clara e fundamental dos municipios”.