Comeza o curso de formación do equipo encargado do despregue dos composteiros individuais no rural

73
  • Impartiranse na Cidade Príncipe Felipe. Participarán dez persoas que achega a entidade Fruga, encargada de pór en marcha este plan no rural.
  • O seguinte paso son as charlas que se impartirán entre os veciños de Salcedo, Tomeza e Campañó, onde comezará o proxecto.

As dependencias da Cidade Infantil Príncipe Felipe acolle dende mañá a formación específica para as dez persoas que van participar no despregue dos composteiros individuais no rural pontevedrés. É persoal que achega a entidade Fruga (Federación Rural Galega), entidade que asinou xunto ao Concello de Pontevedra e a Deputación, o compromiso de executar o proxecto de implantación e seguimento da compostaxe individual, que estará supervisado polo equipo de compostaxe municipal.

Este proceso supón a entrega de 8.000 composteiros individuais, que serán facilitados polo Concello de Pontevedra, nas vivendas unifamiliares do rural. Comezará polas parroquias de Salcedo, Tomeza e Campañó, tal e como adiantou o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, no transcurso da sinatura do convenio.

O proceso que comeza mañá, continuará con charlas informativas entre os veciños das parroquias nas que se vai a implantar este sistema de compostaxe. Fruga realizará a entrega e montaxe do composteiro e os utensilios necesarios a todas aquelas vivendas que queiran participar neste proxecto pioneiro, e fará visitas aos domicilios para coñecer como se vai desenvolvendo todo o proceso e para resolver dúbidas.

COMPARTIR