Artesanía e deseño volven darse cita nunha nova edición da Feira Chalana

4
  • Participan 13 postos, tanto galegos como doutros lugares do Estado, que permanecerán na praza da Ferraría ata o 4 de agosto

Trece postos, catro deles de nova incorporación, participan na XIII edición da Feira Atlántica de Artesanía e Deseño Chalana, que permanecerá na Praza da Ferraría ata o vindeiro 4 de agosto. A cita arrancaba esta mañá cunha visita da vicepresidenta da Asociación de Deseño Atlántico, Edita Oca, e da concelleira de Réxime Interior, Contratación e Promoción da Cidade, Anabel Gulías, quen destacou que “esta feira é unha boa mostra de que a artesanía e o deseño galego teñen marca propia”.

Edita Oca indicou que, ademais das casetas de artesáns galegos, nesta edición tamén participan expositores procedentes doutros territorios do Estado como Sevilla ou Granada, ao tempo que fixo fincapé en que está representada unha ampla variedade produtos e oficios, entre os que citou o vidro, a plata, o coiro, a xoiería, o téxtil ou a madeira. Como exemplo da boa marcha deste Feira, Edita Oca sinalou que “sabemos que vai ben porque os expositores repiten e iso indica que é unha feira rendible”.

Anabel Gulías tamén considerou moi significativo “que haxa expositores que repiten” e nesta liña engadiu  como igualmente importante “que haxa clientela fixa, porque me consta que hai xente que esperando a que se poñan as casetas para comprar algo diferente”. A concelleira tamén afirmou que “o concepto deseño atlantico é algo que debemos reivindicar e visibilizar” e lembrou que “os espazos públicos neste Concello están para visbilizar e para poñer en valor este tipo de iniciativas, e agardamos que siga habendo máis edicións desta feira, sempre con estes estándares de calidade e ofrecendo alternativas á compra e diferenciación”.

As casetas das e dos artesáns que participan na Feira Chalana teñen un horario de apertura ao público de 11h a 14h e de 19h a 22:30h.

COMPARTIR