Apoio institucional e incondicional á nova titulación de Deseño e Creación no Campus de Pontevedra

45
  • O Goberno municipal pon a disposición do Reitorado “todas as posibilidades que o Concello teña en todos os sentidos”
  • Está previsto que a nova titulación, que está xa na última fase de tramitación, bote a andar no curso 2020-2021 e dependa da Facultade de Belas Artes

O Goberno municipal apoia institucionalmente e incondicionalmente que a nova titulación de Deseño e Creación se cree no Campus de Pontevedra. Así o manifestou o alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores, tras unha xuntanza co decano-comisario da citada titulación, Marcos Dopico, e coa directora da Esdemga, Lola Dopico. Fernández Lores afirmou que “cremos que esta titulación é necesaria nun momento en que o Campus de Pontevedra, que é un Campus pequeno pero moi especializado, está seguindo unha liña correcta que ten que ver coa moda, co deseño, e coa creatividade, e non podemos de ningunha maneira perder esta oportunidade”.

O alcade asegurou que este apoio ‘institucional e incondicional” é de todo o equipo do Goberno municipal e disculpou a presenza da concelleira de Educación, Gloria Blanco, que por motivos particulares non puido estar presente na xuntanza. Tamén informou que mantivo unha conversa co reitor da Universidade de Vigo na que falaron da aposta por esta titulación para Pontevedra. Fernández Lores anunciou ademais que “poñemos a disposición da titulación e do Reitorado todas as posibilades que o Concello teña en todos os sentidos”. Fernández Lores lembrou que “non hai dúbida de que nós apostamos pola Universidade, apostamos polo Campus Crea, apostamos no seu día por Esdemga dunha forma activa e mesmo económica, e que se sigue mantendo”.

O grao en Deseño e Creación está neste momento, segundo informou Marcos Dopico, no último proceso de tramitación. Esta nova titulación está aprobada pola Xunta no ano 2017 e, tras un aprazamento o ano pasado, está previsto que sexa unha realidade no curso 2020-2021 con 45 alumnos. Aínda que para o primeiro ano non se prevé que haxa problemas de espazo, Fernández Lores asegurou que “de cara ao futuro, o Concello ten a disposición da Universiade unha parcela de 1.000 metros fronte ao Campus universitario e cunha edificabilidade con capacidade para Belas Artes e para Deseño e Creación, e incluso para calquera outra titulación”.

Alta demanda

“Polas referencias que temos doutros lugares nos que existe esta titulación pensamos que este grao vai ter unha demanda altísima e unha nota de corte tamén altísima” asegurou Marcos Dopico. Unha idea que reforzou Lola Dopico asegurando que “todos os días en época de matrícula recibimos chamadas preguntando onde poden facer este grao”. Ademais de non existir en Galiza, este grao está implantado en moi poucas Universidades públicas do Estado e, na actualidade, as que o ofertan están no País Vasco, Madrid, Barcelona, Tenerife e Valencia. 

Marcos Dopico informou que o equipo do decanato da Facultuade de Belas Artes de Pontevedra foi o principal impulsor desta titulación seguindo unha folla de ruta marcada, a comezos deste século, polas Facultades de Belas Artes das Universidades públicas do Estado que, a petición do Ministerio de Educación e Universidades, elaboraron un libro blanco no que se incluían grao en Belas Artes, grao en Deseño, e grao en Conservación e Restauración de Bens Culturais. O decano-comisario asegurou que “seguindo esta folla de ruta traballamos para ofrecer unha formación universitaria en Deseño que non existe en Galiza ata hoxe e que está moi demandada tamén por alumnado que remato o grao en Belas Artes e ten que marchar fóra facer o máster en Deseño”. 

Sobre a posiblidade de que o grao de Deseño afecte á matrícula do grao de Belas Artes, Marcos Dopico asegurou que coas citas actuais non debería ser así, xa que neste momento están cubertas as 130 prazas dispoñibles do primeiro curso de Belas Artes e contan con 77 en lista de agarda e asegurou que “desde o Reitorado se vai traballar para que non se perdan prazas noutras titulacións”.

Por último, tamén informou que a memoria xustificativa da nova titulación contempla dúas mencións (orientacións), unha de ‘deseño en moda’, e outra en ‘deseño gráfico multimedia’.

COMPARTIR