O Concello asume o mantemento da Casa da Cultura de Lérez

145
  • Comunidade de Montes e Concello asinan un acordo de cesión de uso das instalacións que respecta “o sentimento de propiedade da veciñanza”
  • O convenio establece a cesión de uso para os vindeiros 25 anos, con posibilidade de prórroga doutros 25

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e o presidente da Comunidade de Montes de Lérez, Martín Silva, asinaron esta mañá un convenio de cesión de uso da Casa da Cultura desta parroquia. Mediante este acordo, a propiedade deste edificio social segue correspondendo á Comunidade de Montes, mentres que o mantemento e o custe do funcionamento (agás a limpeza e a apertura das instalacións) será asumido polo Concello por un período de 25 anos, prorrogables a outros 25. 

“O motivo polo que se fai esta cesión de uso é porque a Comunidade de Montes e as entidades sociais de Lérez teñen dificultades económicas para manter en perfecto estado e para manter en funcionamento a casa de cultura” asegurou o alcalde tras a sinatura. Fernández Lores tamén explicou que “desde o inicio, as entidades sociais de Lérez manifestaron que querían que esa Casa da Cultura fora sempre propiedade dos veciños porque hai un sentimento de que o construíron eles no seu día, co esforzo de toda a parroquia, e non querían perder esa propiedade”.

Pola súa banda, o presidente da Comunidade de Montes afirmou que “hoxe é un gran día para a parroquia porque este acordo supón a continuidade das entidades todas da parroquia máis do local social”. Martín Silva indicou, ademais, que “se nos quita un peso de enriba bastante grande porque nós vemos que non podemos afrontar os gastos de mantemento”. Segundo os datos que manexa a Comunidade de Montes, os gastos mensuais do edificio social cífranse entre os 600 e os 700 euros, contando seguros, mantemento, limpeza e recibos de auga e luz. 

Os usos que se recollen no acordo para a Casa da Cultura de Lérez son os de acoller actividades lúdicas, formativas, de lecer e actos públicos tanto do propio Concello como de todas as entidades sociais que teñan actividade nesta parroquia.

Por último, Fernández Lores asegurou que “en todos os barrios e todas as parroquias hai un espazo sociocultural que xestionan maioritariamente os veciños con mantemento municipal, e neste sentido había un agravio coa parroquia de Lérez que ao final se resolve por esta vía e co acordo de todo o mundo”.

COMPARTIR