‘Cinema na Lúa’ volve proxectar cinema en 35mm na praza da Pedreira

97

O ciclo Cinema na Lúa volve á praza da Pedreira a partires desta noite da man do Concello e do Cineclube de Pontevedra. Trátase dunha proposta de proxección de cinema ao aire libre coa singularidade de que, na era da hexemonía dixital, se utiliza un proxector cinematográfico e película de 35mm. 

Hoxe proxectarase ‘Lucky’, un filme estadounidense de 2017, catalogado no xénero do drama, e cuxo actor protagonista, Harry Dean Estaton, foi recoñecido co galardón ao mellor actor no Festival de Gijón e nos Premios Satellite, mentres que o director, John Carrol Lynhc,  acadou o Premio Satellite á mellor ópera prima.

Mañá chega ‘Una mujer fantástica’, dirixida polo arxentino Sebastián Lelio e estreada en 2017. Entre os 15 galardóns internacionais cos que conta este filme, destacan o Óscar á mellor película de fala non inglesa, e o Goya á mellor película iberoamericana.

O mércores será a quenda da comedia dramática ‘Locas de alegría’. Trátase dun filme italiano de 2106 que conta con 5 premios David di Donatello, entre eles á mellor película, ao mellor director, Paolo Vinzì, e á mellor actriz, Valeria Bruni. Tamén no ano 2016 fora a gran triunfadora da Seminci de Valladolid alzándose coa ‘espiga de oro’, co premio do público e co premio á mellor actriz.

O ciclo pecharase o xoves coa proxección do coñecido filme de animación xaponesa ‘Mi vecino Totoro’. Escrito e dirixido por Hayao Miyazaki foi estreado en 1998 e elixido pola revista británica ‘Time Out’ como “a mellor película de animación da historia”. Conta, ademais, co Premio Anime Grand Prix, co Mainichi Film Award, e co Kinema Junpo Award.

Todas as proxeccións comezarán ás 23h. 

COMPARTIR