O Concello considera que se debe “suavizar” o proxecto da variante de Alba

O informe dos servizos municipais conclúe que o proxecto debe "suavizarse e adaptarse ao territorio" en cuestións como os fluxos peonís, as conexións con outros viais e a contaminación acústica nos núcleos de poboación

78

A Xunta do Goberno Local vén de aprobar os informes do estudo de trazado e de impacto ambiental da coñecida como ‘variante de Alba’ para darlles traslado á Consellaría de Medio Ambaiente, Territorio e Vivenda, e nos que se comunica ao ente autonómico que é preciso que o proxecto “se suavice e se adapte ao territorio”. Así o anunciou esta mañá o concelleiro de Infraestruturas, César Mosquera, quen asegurou que este proxecto “non é a mellor opción pero é a única viable” para sacar adiante unha infraestrutura que leva case 15 anos enriba da mesa.

César Mosquera explicou que a nivel xeral os informes, que elaboraron catro departamentos do Concello (Arquitectura, Arqueoloxía, Enxeñería, e Medio Ambiente Natural), conclúen que deben contemplarse cuestións relativas aos fluxos peonís e ciclistas, ás conexións cos viais existentes, e á contaminación acústica nos núcleos de poboación. O concelleiro indicou que a futura variante está “concibida como un vial duro, cunha previsión teórica de tráfico moi elevada, e de forma que despache ese tráfico a velocidade” e que ese deseño debe ser corrixido e suavizado. 

Así, o informe dos técnicos municipais indica que “o trazado presentado non resolve nin presta atención aos posibles desprazamentos peonís ou ciclistas ao longo da nova infraestrutura” e recomenda “prever, dentro da zona de posible ampliación da estrada, a implantación du itinerario pavimentado, paralelo á variante, dotado de iluminación pública e adaptado a eses usos”. Tamén fai referencia a ausencia de pasos peonís no paso superior que o trazado prevé no PQ 0+175, e a interrupción do itinerario peonil existente que suporía a glorieta proxectada na N-550.

En canto ás conexións con viais existentes, o informe municipal sinala que no PQ- 0+100, “as viviendas poderían resultar afectadas polos noiros do desvío do camiño existente para acceder ao paso superior” e recomenda a incorporación no proxecto un “Anexo de Ordenación ecolóxica, estética e paisaxística que atenda a cuestións deste tipo”. 

Outros puntos do informe nos que tamén incidiu César Mosquera foron o impacto que produciría o trazado na contorna do CEIP Campañó e que o informe conclúe que “este impacto non está valorado correctamente”, ou a contaminación acústica, considerando que o proxecto debe contemplar de partida barreiras contra este tipo de contaminación “porque instalalas unha vez feita a infraestrutura sempre é moito máis difícil” asegurou.  

“É o único sitio polo que se pode pasar pero entendemos que se pode pasar dunha forma moito máis suave” concluíu César Mosquera, quen lembrou e a actual proposta de trazado é a única viable ante a negativa do Ministerio de Fomento de permitir o enlace coa N-550 na proposta inicial (alternativa 1) por ser un punto demasiado distante da cidade.

O proxecto de trazado obxecto do informe municipal desenvolve a Alternativa 6, que propón unha intersección de nova planta con configuración de glorieta na estrada PO-531 e remata, tras salvar mediante viaduto a autoestrada AP-9 e a liña de velocidade alta no Eixo Atlántico, na N-550 no núcleo da Cendona mediante outra intersección tipo glorieta.