A Concellería de Benestar Social adquire cinco mochilas vibratorias para que as persoas con diversidade sensorial poidan sentir a música do concerto de Rozalén

240
  • Paloma Castro xestiona co alcalde de Nigrán, o tamén socialista Juan González, o préstamo desta novidosa tecnoloxía inclusiva, que só se empregara antes nas actividades de Nadal do concello de Madrid

A Concellería de Benestar Social, que dirixe a socialista Paloma Castro, fíxose con cinco mochilas vibratorias que permitirán ás persoas con diversidade sensorial que se acheguen esta noite ata o concerto de Rozalén, na Praza de España, sentir e desfrutar da música. Trátase dunha novidosa tecnoloxía inclusiva que o Concello de Nigrán vén de estrear no festival ‘Chan de Folk’ e que só se empregara con anterioridade en España nas actividades de Nadal do Ayuntamiento de Madrid. De feito, a concelleira do PSOE xestionou esta mesma mañá co rexedor de Nigrán, o tamén socialista Juan González, o préstamo, a xeito de proba, dunhas mochilas coas que Pontevedra “tamén contará nun futuro inmediato”.

Foi o propio González o que se achegou ata a sede municipal de Michelena para facer entrega do material e subliñar o éxito que da súa estrea, o pasado sábado en Chandebrito, durante o espectáculo ‘Son galego, son cubano’, do artista Roi Casal. Segundo explicou, o Concello de Nigrán investiu (a través do seu programa ‘Un Nigrán para todos’) uns 7.000 euros na adquisición destas cinco mochilas que transforman o son en vibracións, convertíndose no segundo municipio español en empregar esta tecnoloxía e co obxectivo de que os festivais e espectáculos sexan tamén accesibles ás persoas con perda auditiva.

Pontevedra convertirase pois na segunda urbe galega e terceira de España en facer uso das mesmas, no concerto dunha artista como Rozalén, moi concienzada coa inclusión a tódolos niveis e que, unha vez máis, tamén contará cunha intérprete de lingua de signos para que as súas letras poidan chegar a tod@s.

No acto de recepción das mochilas estivo presente a presidenta de Xoga, María Jesús Monterde.

Na recepción das mochilas participou a presidenta da Asociación de Discapacidade Sensorial de Galicia ‘Xoga’, María Jesús Monterde, quen se amosou moi emocionada por este ‘agasallo’ e coa idea da concelleira de Benestar Social de facerse cun lote propio. “Vendo que podemos participar das actividades das Festas da Peregrina como as demais persoas -afirmou-, o único que me queda é chorar”.

Paloma Castro amosou o seu desexo de que o exemplo de Pontevedra e Nigrán “sexa contaxioso” e o emprego desta tecnoloxía de orixe francés e recente creación se extenda a outros concellos. 

“Unha experiencia de poñer os pelos de punta”

Segundo expresou o alcalde Nigrán, a experiencia que se viviu o pasado sábado no concerto de Roi Casal “foi de poñer os pelos de punta”, xa que algúns dos usuarios “sentiron a música por primeira vez”. “Moitos contáronnos que habitualmente se puñan no chan para sentir a vibración no corpo ou se pegaban aos altofalantes para ter esa sensación da música… Estas mochilas engánchanse ao equipo de son do propio grupo musical e permiten desfrutar e bailar”, precisou Juan González.

As mochilas permiten que as persoas con próteses auditivas (imprante coclear e/ou audífono) non só sentan as vibracións, senón que tamén poidan escoitar con maior nitidez os sons ou a música a través dun lazo inductivo. Poden ir cargadas á espalda ou no peito e fan posible que o usuario se poida desprazar libremente polo recinto, ao ser completamente inalámbricas.