Iván Puentes plantexará a Fomento que incorpore un dos carrís da autovía ao segundo treito da senda a Praceres

78
  • O concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural recolle a petición do colectivo Pedaladas e comprométese a “negociar coa Adif para desbloquear a vía verde entre Pontevedra e Arcade”

O concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, plantexaralle ao Ministerio de Fomento que se incorpore un dos carrís de circulación da autovía de Marín ao segundo treito da senda peonil e ciclista a Praceres. Segundo salientou o edil do PSOE, “evidentemente, trataríase dunha actuación moito máis branda que a contemplada no proxecto para o primeiro treito, a base de sinalización horizontal e algún bolardo, de xeito que os ciclistas poidan circular con total seguridade en todo o paseo”.

Puentes, quen xa solicitou unha entrevista cos responsables do Ministerio que dirixe o socialista José Luis Ábalos, manifestou a súa intención tras un encontro mantido na Sala de Xuntas do Concello con un grupo de membros de Pedaladas, colectivo “que máis activamente traballa na cidade a prol da mobilidade sostible e, nomeadamente, ciclista”. Durante a reunión, os integrantes da asociación (encabezados polo seu presidente, Quique Pérez) trasladáronlle ao concelleiro a súa preocupación pola actual solución para o segundo treito do proxecto, ao entender que “é preciso incrementar a sección, porque 2,5 metros de ancho é insuficiente para que convivan peóns e ciclistas”.

“Sobre todo a determinadas horas do día -subliñou Iván Puentes-, semella que este ancho pode facer difícil o tránsito compartido de peóns e bicis. A idea que lle trasladaremos a Fomento pasa por suprimir un dos carrís de circulación do segundo treito da autovía, ao igual que se fará no primeiro, e incorporalo á nova senda. Sería, por suposto, un proxecto máis viable do que está en licitación, con medidas máis suaves. Entendemos que se é factible na zona máis próxima á cidade, tamén o é na máis afastada”.

Quique Pérez amosou o seu desexo de que, nun futuro, “poida ser realidade unha conexión entre Pontevedra e Aguete”, se ben matizou que “a conexión das praias de Marín a través dun carril bici é unha decisión política que lle compete á Xunta”. Na súa opinión, “moitos empregados do Porto utilizarán a senda a Praceres para ir aos seus traballos e, de seguro, vaise converter nun gran roteiro do colesterol”.

A Sala de Xuntas do Concello acolleu a reunión de Iván Puentes co colectivo Pedaladas.

Outro dos asuntos que se tratou na reunión con Pedaladas foi o estado e posibilidades de tramitación das vías verdes previstas en Pontevedra. Neste sentido, o concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural explicou que xa solicitou unha entrevista coa Adif “para desbloquear a execución da senda entre Pontevedra e Arcade”. Tal e como precisou, “nestes intres, existe unha diferencia de criterio entre o Concello e a Adif, que quere empregar a vía ferroviaria para os trens de mercadorías pero na reunión que manteñamos tentaremos convencelos de que fagan a senda verde por aí”.

Vía verde entre o Mosteiro de Lérez e O Mirador de Monte Porreiro 

Máis despexado a curto prazo parece o futuro do proxecto para conectar o Mosteiro de Lérez co Mirador de Monte Porreiro a través dunha vía verde. Iván Puentes lembrou que a antiga ponte do tren sobre o Lérez “xa está completamente a disposición do Concello de Pontevedra, polo que o horizonte queda despexado para facer realidade esta actuación”.

Tanto o edil do PSOE como Pedaladas comparten o soño de xerar unha gran senda verde que atravese toda a fachada Atlántica da provincia, un plan que comezaría a tomar forma conectando coa cidade capitalina a vía proxectada entre Portas e Vilagarcía. “Hai moitos treitos de vías e camiños que se atopan esquencidos e que se poderían utilizar nunha conexión co carril bici entre Oia e A Guarda e coas ecovías do Norte de Portugal”, afirmou Puentes.