Discurso na inauguración do gastroespazo do Mercado de Abastos

22

Amigas, amigos… Boa tarde-noite de agosto a todas e a todos e moitas grazas por estardes aquí compartindo a alegría da posta en marcha deste novo lugar de encontro e convivencia na nosa cidade: o Espazo Gastronómico do Mercado. 

Estes últimos 20 anos, desde Pontevedra, vimos remarcando a importancia de pór en valor a excelencia do “noso”, do “cercano”, apostando polo comercio local e recuperando o espazo público para o goce de todas as persoas, sexan cales sexan as súas circunstancias. Entre todas e todos fomos e somos quen de encher as rúas e as prazas de vida e de facer da convivencia e a alegría un sinal de identidade da nosa cidade. 

Un traballo colectivo que fixo de Pontevedra unha cidade amable, segura e atractiva, aliada da vida activa, da práctica deportiva e da procura dunha vida saudable que atopa na alimentación de calidade o aliado necesario.

E se de calidade de produto falamos, inmediatamente a nosa cabeza viaxa ata o lugar no que nos atopamos. O mercado viu pasar a xeracións de pontevedresas e pontevedreses na procura dos produtos do mar e da terra que nos facilita un entorno único e unha ría gorentosa, que aínda que ferida nalgunha das súas partes, sigue abastecéndonos co mellor de si .

O noso Mercado, ao igual que o doutros moitos lugares, foi e é punto de encontro, de socialización, de dinamismo económico, de sensacións, de afectos, de olores e a partir de hoxe, e máis que nunca, dos sabores de Pontevedra.

Un lugar emblemático que forma parte da historia sentimental de todas e todos nós, espectadores privilexiados dos cambios que foi experimentando sen perder nunca os seus sinais de identidade: a vinculación co mundo mariñeiro, o produto de cercanía e o trato directo coa clientela. 

Son estes valores aos que hoxe regresamos como garantía dunha atención personalizada, na procura dun produto excelente e na preocupación pola sostenibilidade dun mundo no que as mercancías viaxan dun lado a outro, moitas veces sen ningún sentido. 

Foron anos de trámites e traballos neste 1º andar grazas á aposta decidida de Pontevedra de sumarse ás novas formas de ver os mercados, as novas formas de comercio, ás novas formas de consumo e aos novos tempos que se puxeron en marcha fai 20 anos coa reforma deste mesmo edificio e a construción do seu estacionamento.

Neste novo chanzo, a contribución económica dos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER) que financia a Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Integral (EDUSI) Máis modelo, Pontevedra creada no ano 2015 e concedida ao Concello en 2016, foi fundamental. A iniciativa europea adxudictou a Pontevedra arredor de 10 millóns de euros que permitirán pór en marcha proxectos tan agardados como a mellora do Camiño de Santiago coa reforma da Ponte do Burgo (aquí ao lado) e do Gorgullón, ou a rehabilitación do Pavillón Multiusos que en breve inauguraremos, ademais de outros moitos máis proxectos en carteira: centralidade parroquial de Tomeza, parque forestal de A Fracha, acondicionamento do centro sur…

O resultado desta intervención  económica no Mercado, de 200.000 euros, é un espazo atractivo, en diálogo permanente cos postos de abaixo e que fan deste edificio un lugar único para gozar das compras, tomar algo, comer e desfrutar coas amizades e a familia. En definitiva, un espazo que está chamado a ser un referente e un atractivo máis desta boa vila que da de beber –e tamén de comer- a quen pasa. 

Porque o Mercado quere seguir sendo un punto de referencia para a Pontevedra do futuro, un futuro que empezamos a escribir con iniciativas como Sétima Feira, un punto de encontro de artistas emerxentes que achegou ao mercado a centos de persoas nun redescubrir marabilloso deste lugar e desde 2016, co Ganapán, un espazo nacido para dignificar e dar a coñecer no público infantil os oficios do mar e da terra, como parte da nosa historia. As crianzas de Pontevedra levan anos traballando a importancia dunha alimentación saudable, aprendendo a valorar os produtos da terra e do mar, a reciclar e a compostar os residuos e, en definitiva, a quererlle ao mercado e aos valores que representa. 

A través de ducias de actividades, que contaron sempre coa implicación das e dos comerciantes, O Ganapán foi escollido en 2017 como proxecto-modelo polo Ministerio de Cultura entre máis de 200 proxectos de todo o Estado. 

Como anécdota cóntovos que un neno turista achegouse a un dos postos de abaixo e preguntou se as sardiñas, como brillaban tanto, eran de plástico… Non queremos que a nosa rapazada medre de costas á nosa riqueza natural!

Sen dúbida, O Ganapán e Setima Feira foron só o anticipo de todo o que nos espera neste novo ESPAZO GASTRONÓMICO SOSTIBLE que hoxe se pon en marcha e que está chamado a converterse nun referente da cultura gastronómica na nosa cidade e a darlle valor engadido aos produtos deste mercado. Porque non debemos esquecer que a gastronomía nace na excelencia do produto. E niso en Pontevedra, imos sobrados…

Sorte aos novos comerciantes e hostaleiros que hoxe empezades neste proxecto, sabemos que daredes o mellor de vós e que Pontevedra dará o mellor de si para converter este Espazo Gastronómico Sostible nunha referencia. 

Moitas grazas!