A Concellería de Educación remata obras por valor duns 142.000 euros antes do inicio do curso escolar

35
  • Tino Fernández confirma que os centros educativos de Pontevedra “están en perfectas condicións para o comezo das clases”

O concelleiro de Educación, Tino Fernández, estivo hoxe no CEIP Barcelos para comprobar o resultado das importantes actuacións que o seu departamento levou a cabo durante o verán neste centro escolar. Os traballos contaron cun orzamento de 21.979 euros e traducíronse no pintado interior de todo o colexio (19 aulas, zonas comúns e portas), a ampliación da zona de secretaría, a eliminación das xardineiras da entrada, a substitución dos módulos de ventilación nas ventás dos baños e o alicatado dos baños de profesores. 

Trátase dun dos 17 centros nos que a Concellería que dirixe o socialista, en virtude das súas competencias en materia de mantemento, levou a cabo intervencións de posta a punto de cara ao inicio do curso académico 2019-2020 e das que hoxe se rematou de pasar revista. Tal e como sinala Tino Fernández, o Concello de Pontevedra investiu unha contía global de 142.000 euros en proxectos de diversa magnitude que “foron rematados en tempo e forma” e que “permiten garantir que tódolos colexios están en perfectas condicións para o comezo das clases”.

Ademais das executadas no CEIP Barcelos, tamén se realizaron obras significativas na EEI Fina Casalderrey, na que se investiron 22.648 euros para reparar a cuberta do patio de xogos; o CEIP Campañó, onde se destinaron 18.621 euros ao arranxo do muro exterior (que fora desprazado polo empurre da raíz dunha árbore) e ao peche da pista cuberta, e o CEIP Froebel, no que unha achega de 18.089 euros permitiu reparar o patio de céspede de Educación Infantil e efectuar un pintado integral e cambiar teitos, luminarias e portas en dúas aulas da planta baixa.

O edil socialista Tino Fernández pasou revista ás actuacións realizadas no CEIP Barcelos.

A Concellería de Educación tamén investiu máis de 13.000 euros na ampliación do comedor escolar e o acondicionamento do patio exterior (con xabre) do CEIP Manuel Vidal Portela, mentres que un orzamento de 8.431 euros fixo posible a reparación de canalóns da cuberta, a reposición e limpeza de pavimentos de xogos infantís, o cambio de dous radiadores e a revisión de parte da rede de saneamento do Marcos da Portela. 

Unha achega de 7.290 euros permitiu efectuar arranxos no posto de conserxaría, así como o pintado de tres aulas, xogos, pavimento exterior e varandas no CEIP San Martiño de Salcedo. Contías semellantes, de 6.592 e 6.576 euros respectivamente, foron destinadas ao pintado interior e a reparación da beirarrúa exterior do CEIP A Xunqueira I e á reparación de canalóns e baixantes de cuberta do colexio A Xunqueira II. 

Pintado de xogos na pista deportiva do CEIP Ponte Sampaio

O departamento que dirixe Tino Fernández tamén levou a cabo durante o verán o pintado interior da EEI de Verducido cun investimento de 5.584 euros e mailo pintado de xogos na pista deportiva do CEIP Ponte Sampaio cunha achega de 3.388 euros. No colexio Vilaverde (Mourente) fíxose, grazas a un orzamento de 4.416 euros, o pintado de espazos na planta baixa e diversos traballos na vivenda do conserxe, mentres que no CEIP Campolongo se realizou o arranxo da ventilación dos aseos e a corrección das filtracións no ximnasio (por 1.482 euros) e na EEI Crespo Rivas arranxáronse os armarios (por 1.633 euros).

Asemade, no CEIP Cabanas rematáronse os peches de seguridade das ventás, no CEIP Carballeira efectuouse a limpeza con auga a presión dos paramentos verticais dos patios de xogos e no colexio Álvarez Limeses arranxáronse os problemas de humidades dunha aula de Infantil.