Recepcionada a actuación de mellora da seguranza viaria do CEIP Vilaverde

12

O Concello vén de recepcionar a actuación de mellora da seguranza viaria no CEIP Vilaverde, na parroquia de Mourente, finalizada no comezo deste curso escolar. Unha actuación que está previsto completar cunha ampliación cara a avenida de Lugo, e en cuxa redacción xa se está traballando. A ampliación faise necesaria por tratarse dun centro de ensino cun alto volume de matrículas (arredor de 450 cativos e cativas), ao nivel de colexios como Froebel, Álvarez Limeses ou Campolongo.

Neste mandato, o Concello ten previsto acometer actuacións de mellora da seguranza viaria en dous colexios máis do rural, no de Santo André de Xeve e no de Campañó. Neste sentido, o proxecto da actuación no colexio de Campañó está sendo redactado e farase público nas vindeiras semanas. Pola súa banda, a contorna do centro escolar de Xeve ten a particularidade de estar conformada por estradas de titularidade autonómica polo que a xestión é máis complexa.

A actuación realizada na contorna do centro educativo de Vilaverde incluiu a reparación dos servizos (pluviais e fecais), a creación dunha plataforma única, de espazo para estacionamento de autobuses, sinalización horizontal e vertical, a instalación de pasos sobreelevados (lombos), e asfaltado en vermello de toda a zona, creando unha área de cohexistencia e preferencia peonil. Esta obra fora adxudicada á empresa Elsamex, cun orzamento inicial de 158.670 euros que tivo que ser ampliado para reparar os servizos (actuación que non estaba prevista inicialmente).  

Estas obras de mellora de seguranza viaria súmanse ás realizadas nos últimos anos nos centros educativos de A Carballeira e Os Praceres, ambos na parroquia de Lourizán, no de San Bieito en Lérez, no de San Martiño en Salcedo, no Marcos da Portela en Monte Porreiro, e nos de Ponte Sampaio e Marcón. Hai que lembrar que neste tipo de proxectos, o obxectivo principal é o de favorecer a autonomía dos nenos e nenas e garantir a súa seguridade; priorizar a mobilidade peonil e do transporte colectivo e calmar o tráfico nas súas contornas. 

Así, actuouse na contorna do CEIP San Bieito de Lérez cun orzamento inicial de algo máis de 82.000 euros, na contorna do CEIP A Carballeira de Lourizán cun investimento de 118.000 euros, e no CEIP San Martiño de Salcedo cun investimento de algo máis de 128.000 euros. No caso do colexio dos Praceres, tamén en Lourizán, a actuación ascendera a 46.000 euros, no Marcos da Portela de Monte Porreiro a 154.759 euros, e no de Ponte Sampaio a 106.465 euros.