Concello e Costas analizan fórmulas xurídicas para a posible cesión dos terreos de DPMT de Ponte Sampaio, Mollabao, O Burgo, Malvar e a contorna do Pavillón

22
  • Os socialistas Tino Fernández e Iván Puentes mantiveron unha reunión co xefe provincial de Costas, Enrique Fernández, acompañados polo enxeñeiro xefe da OTMAIES, Jesús Gómez Viñas

O tenente de alcalde, Tino Fernández, e o concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, desprazáronse hoxe ata a oficina provincial de Costas en Pontevedra para manter un encontro co xefe do servizo, Enrique Fernández. A reunión, na que participou o enxeñeiro xefe da Oficina Técnica de Medio Ambiente, Infraestruturas, Enxeñería e Servizos (OTMAIES), Jesús Gómez Viñas, serviu para analizar as mellores fórmulas xurídicas e os procedementos a seguir de cara á posible cesión de uso dos terreos de Dominio Público Marítimo Terrestre (DPMT) de Ponte Sampaio, Mollabao, O Burgo, Malvar e a contorna do Pavillón de Deportes.

Fernández e Puentes amosáronse “moi satisfeitos co intercambio de impresións desta primeira toma de contacto e coa receptividade do xefe de Costas ante as demandas do Concello de Pontevedra”. Segundo explicou o concelleiro de Desenvolvemento Sostible, a reunión permitiu “explorar as fórmulas xurídicas máis axeitadas, así como os pasos administrativos a seguir, para que esas parcelas de DPMT pasen a ser de uso municipal”. “Dependendo do caso -sinalou o concelleiro do PSOE-, estudarase cal sería a mellor vía para facer efectiva a cesión: concesión, autorización ou desafectación dos terreos”.

Tal e como apuntou Tino Fernández, sobre a mesa están os proxectos para “destinar a parque público a parcela de Malvar e a uso mixto (parque público e parking disuasorio) a das caravanas dos circos (en Mollabao)”, así como as futuras actuacións previstas nos terreos da gasoliñeira do Burgo, no caso de que finalmente se rexeite a prórroga concesional, e as inmediacións do Pavillón Municipal. Nos plans do tenente de alcalde e do edil de Desenvolvemento Sostible tamén están a cesión do campo de fútbol de Ponte Sampaio para rexenerar as marxes fluviais e incrementar os espazos verdes dispoñibles, “mantendo o compromiso de dotar de instalacións axeitadas ao Club de Piragüismo”, así como a ampliación do paseo fluvial da parroquia entre a Illa do Medal e as inmediacións da ponte medieval. Asemade, no encontro co xefe de Costas tamén se analizou a situación das xunqueiras de Alba.

Tino Fernández lembrou que as solucións e fórmulas que permitirían a cesión dos terreos de DPMT “son bastante diversas” e algunhas delas, como acontece co paseo de Ponte Sampaio, “teñen unha compoñente máis política que administrativa”. “A situación pode variar bastante en función do goberno que se forme en Madrid. Agardamos que haxa un Executivo estable e favorable, xa que abriría moitas portas ás pretensións de Pontevedra”, subliñou o tenente de alcalde.

COMPARTIR