Comeza a reforma da rúa San Martiño no centro histórico

13
  • Coa actuación prevista no Eirado de Alvar Páez, complétase a mellora da traseira do Campiño.
  • O orzamento de contratación é de 138.000 euros e o prazo da empresa Elsamex para executar a obra é de 2 meses.

O concelleiro de Patrmionio histórico e zona monumental, Xaquín Moreda anunciou esta mañá que seta semana comezaron os traballos de reurbanización da rúa San Martiño, no centro histórico da cidade, un proxecto financiado polos fondos públicos da Área de Rehabilitación Integral (ARI) da zona monumental da cidade. A obra está sendo executada pola empresa Elsamex cun orzamento de contratación de 138.303 euros (a licitación era de 181.500 euros) e dous meses de execución.

O investimento dos fondos públicos do ARI no centro histórico nesta anualidade será na rúa San Martiño e en Eirado de Alvar Páez que seguirán a estética da primeira fase: chapacuña nos laterais da rúa e a pedra habitual da zona vella no espazo central. 

Polo que respecta á rúa San Martiño, a intervención inclúe, ademais do pavimentado en pedra, a renovación dos servizos e da iluminación.

Logo dunha pequena actuación na Enfesta de San Telmo co fin de garantir a accesibilidade nunha vivenda, da rehabilitación feita no primeiro tramo do Eirado de Alvar Páez e das rúas Tristán de Montenegro e Pratería Vella, con esta actuación quedará completada a renovación da contorna traseira do Campiño.