Concello e Universidade colaborarán para integrar o campus no modelo de cidade

5
  • A proposta do reitor é eliminar as vías interiores entre os catro edificios universitarios para darlle uso peonil.
  • Na reunión desta mañá, o reitor confirmoulle ao alcalde que os servizos xurídicos da Universidade xa estudan o proxecto do skatepark para que poida iniciar a súa construción o ano que vén.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, mantivo unha reunión co reitor da Universidade de Vigo, Joaquín Reigosa para abordar as colaboracións futuras entre ambas institucións, esencialmente, a instalación do skatepark en terreos do campus e a colaboración municipal para mellorar a calidade urbana e ambiental do campus da Xunqueira, coa eliminación do tráfico e a integración dos espazos que están entre os catro edificios universitarios.

Ao remate da reunión, na que tamén estiveron a concelleira responsable de Universidade, Yoya Blanco, e o vicerreitor, Jorge Soto, o alcalde explicou que o Concello colaborará en todo o que sexa a redución do tráfico no campus, aínda que a fórmula está por decidir. O primeiro paso será as reunións previas entre o servizo municipal de Urbanismo e o servizo de Planificación da Universidade para abordar as cuestións técnicas que permitan este cambio urbanístico das parcelas que agora son vías.

O reitor afirmou que os servizos xurídicos da Universidade están estudando a fórmula para encaixar a construción do skatepark na parcela de entrada ao campus dende a avenida de Compostela, e aplaudiu a colaboración municipal para pechar as vías interiores do campus e crear un gran espazo de convivencia entre os catro edificios, para que o campus sexa “máis agradábel e paseable. Queremos crear un campus urbano aberto á cidadanía”, afirmou.

Os tempos de ambos proxectos non serán os mesmos, “dado que urxe a adxudicación do proxecto do skatepark”, explicou o alcalde quen confía en que esté en obra o vindeiro ano, e en breve comezarán as reunións técnicas para “converter en peonil o campus de Pontevedra dentro deste mandato”, concluía o reitor.